14.5.08

«Blogs»: exemplificacións (1/2)

http://bibliotecaceipvistaalegre-burela.blogspot.com/ [Consulta: 23 de abril de 2008].

O blog académico A biblioteca de Libruxa. Biblioteca escolar do CEIP Vista Alegre de Burela ten como obxectivo dar a coñecer o labor educativo que se leva a cabo desde a biblioteca deste centro escolar da Mariña Luguesa.

No que respecta aos motivos que levaron á súa creación, debido a que están expresados só de forma tácita e imprecisa a través da cabeceira e do contido dos artigos, deduzo que entre eles se atopan as recentes demandas lexislativas de elaboración dun Plan Lector e un Plan TIC no marco da Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación (BOE de 4 de maio). Deste xeito, o blog adquire un significado engadido como instrumento de canalización de tales prescricións legais, ademais de responder á necesidade sentida de abrirse ao mundo e intercambiar experiencias con outras bibliotecas escolares. Asemade, constitúe un excelente mecanismo para demostrar ao resto da comunidade educativa e demais interesados que realmente están levando a cabo a dinamización desta dependencia dun xeito comprometido e responsábel.

En definitiva, sexan cales foran as causas que levaron á creación deste blog, o que está claro é que o/s autor/es foron solventes á hora de darlles resposta.

A autoría do blog constitúe un dos seus atractivos, xa que ningún artigo está firmado, e o perfil do autor do blog correspóndese coa mascota da biblioteca, Libruxa, unha bruxa de xoguete. A pesares disto, a través dos comentarios de parabéns a un dos artigos pódese deducir que detrás del están d. ª Belinda Blanco Fernández, responsábel da biblioteca escolar, e d. ª Gema Cillero García, directora do centro (información completada a través do Proxecto de dinamización e de animación á lectura que nese mesmo artigo se anexa, e da páxina web do centro).

Os contidos dos seus diferentes artigos constitúen mostras puntuais periódicas das iniciativas, máis aló do préstamo bibliotecario, desenvolvidas por esta biblioteca escolar coa intención de animar á lectura e facer desta dependencia un punto neurálxico no día a día do centro.

Todos estes artigos son substanciais, concisos e atraentes, posúen unha corrección gramática e ortográfica aceptábel, e están encabezados por uns títulos acertados e abondo descritivos.

A súa temática en ningún caso é ofensiva, senón todo o contrario. De feito, organízanse arredor dos seguintes centros de interese: deixar constancia das iniciativas desenvolvidas desde a biblioteca, a xeito de Memoria de Actividades, e sensibilizar explicitamente cara valores sociais como a paz, a igualdade de xénero ou os dereitos humanos, que seguramente se traballaron na biblioteca de xeito presencial.

A periodicidade de publicación segue unha media duns dous artigos semanais. Trátase dunha edición constante, mais non regular, xa que se poden atopar semanas sen actualización e outras con até catro ou cinco novos artigos, segundo o calendario dea máis ou menos pé (Nadal, Día Internacional da Paz, Día Internacional da Muller Traballadora).

Os abundantes elementos icónicos que acompañan, apoian e incluso chegan a constituír o corpo dos artigos, axudan a inferir cunha breve ollada o tipo de blog ante o que nos atopamos: un blog académico de intercambio de experiencias entre docentes. A pesares disto, chega a abusarse en ocasións do seu emprego, deixando de ser esteticamente agradábeis para dar sensación de saturación e inconexión. Así mesmo, o seu deseño resulta ás veces un tanto cándido e inxenuo, tendo en conta que está destinada a un público adulto, pese a que os protagonistas das súas experiencias sexan nenos/as.

Aparte destas fotografías e vídeos, detéctanse tamén outros elementos paratextuais coma a tipografía, o fondo, a combinación de cores ou a estruturación espacial, que axudan a crear unha sensación de orde e claridade á hora de navegar polo blog, ademais de outorgarlle un carácter de unidade.

Tal navegación, sinxela e intuitiva, está baseada no hipervínculo como eixo coherente e eficaz para a organización e interrelación dos contidos. Con tal finalidade, dispuxéronse dous arquivos de entradas pasadas, un por datas e outro por temáticas. Para este derradeiro, dotouse a cada entrada de varias palabras clave, sempre intelixíbeis, significativas e que se relaciona co seu contido de xeito evidente.

Grazas a este sistema, calquera visitante ten acceso a aqueles contidos do blog que lle interesan optimizando o seu tempo de busca e coa garantía que non deixa ningunha información valiosa no tinteiro por non ser quen de dar con ela.

Asemade, hai un número abundante de enlaces relevantes e fiábeis na parte inferior dereita da páxina, que constitúen unha importante fonte de recursos educativos.

No que respecta á propiedade intelectual, esta é respectada en termos xerais, xa que se soen citar as fontes e os autores, tanto dos textos redactados en colaboración (comunidade Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas), como das imaxes alleas e os vídeos inseridos ou vinculados.

En teoría, os lectores do presente blog deberían verse atraídos por el grazas á iniciativa en si sobre a que se sustenta, e que eu, como tal, expresei xa no primeiro parágrafo do presente comentario. Non obstante, e aínda que non se coñece a cantidade de persoas que o visitan, o que si está claro é que o apartado dos comentarios é un dos seus aspectos menos logrados. De feito, dos dez e oito artigos que contén en total, só dous deles foron comentados: un que contén os proxectos desenvolvidos pola biblioteca en anos académicos anteriores e outro no que se anuncia a visita do ilustrador Anxo Fariña. No primeiro caso, rexistráronse cinco comentarios de usuarios presumibelmente pertencentes á comunidade Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas. No segundo, só respondeu á entrada o propio autor. Ademais, ditos comentarios non foron contestados, polo que a sensación de comunidade virtual acadada é practicamente nula.

Para rematar, cómpre realizar unha valoración xenérica do blog a raíz da análise aquí exposta.

Así, en termos xerais, pode considerarse como un blog sólido e interesante, do que se prevé e se desexa que teña permanencia continuada no tempo, xa que iso implica necesariamente que se faga eco de novas e frutíferas iniciativas de fomento da lectura entre o alumando e de dinamización da biblioteca escolar do centro, en consonancia cos seus obxectivos.

Non obstante, tamén se detecta que, para seguir mellorando o seu funcionamento, debería traballar máis o aspecto dos comentarios, tratando de configurar un pequeno grupo de visitantes habituais cos que se compartan intereses, aos que tamén se fagan visitas e en cuxos blogs se realicen igualmente contribucións. É dicir, que se debería tratar de dar un paso máis aló e crear unha comunidade de aprendizaxe virtual en cuxo seo construír un coñecemento compartido sobre a temática que aquí nos incumbe.

13.5.08

«Blogs»: comparación cunha páxina «web» tradicional

Agora, unha vez que temos certa idea do que é un blog, só resta abordar en que se semellan e en que difiren das páxinas web, a outra grande ferramenta da Rede. Con isto, poderemos disipar calquera dúbida que nos poida xurdir á hora de valorar, cando naveguemos por Internet, se nos atopamos ante unha ou outra modalidade.

Para establecer as semellanzas e diferenzas entre un blog e unha páxina web, é preciso en primeiro lugar aclarar o que entendemos por páxina web (posto que anteriormente xa o fixemos co termo blog).

Segundo o Diccionario de la Real Academia Española (2001), denomínase ‘páxina web’ a aquel «documento de la Red, al que se accede mediante enlaces de hipertexto».

Non obstante, posto que esta definición resulta a todas luces incompleta por ser concisa de máis, vémonos obrigados a recorrer a outro instrumento de consulta da mesma autoría para saír de dúbidas, o Diccionario Panhispánico de Dudas (2005), no que se di:

«La expresión página web, […] significa […] ‘conjunto de páginas conexas pertenecientes a una entidad o referidas a un mismo tema, al que se accede mediante una dirección electrónica’ […]. Pueden emplearse en su lugar, y son más recomendables, las denominaciones página electrónica y ciberpágina […] Se emplea también la expresión sitio web, traducción del inglés web site […]. Se recomienda emplear, en su lugar, las expresiones sitio electrónico o cibersitio; también, si se refiere a una empresa o institución, sede electrónica o cibersede. Cuando este adjetivo se sustantiva, puede usarse en ambos géneros; en femenino (la web), si se sobrentiende el sustantivo femenino página […]; en masculino (el web), si se sobrentiende el sustantivo masculino sitio […].»

Unha vez que xa sabemos empregar con total propiedade este termo, é o momento de afondar naqueles elementos que comparten e naqueles outros nos que difiren os blogs e as páxinas web:

Con respecto aos aspectos que comparten, atopamos unhas poucas similitudes bastante evidentes, como poden selo que ámbolos dous se atopan en Internet empregando un enderezo electrónico, que precisan de alguén (que tanto pode ser un só individuo como unha organización ou unha comunidade) para crealos e mantelos, e que os dous conteñen información, enlaces, categorías, imaxes e outros elementos multimedia (http://www.articlegarden.com/es/Article/Blogs-vs--Websites--What-s-The-Big-Difference-/17785).

En contraposición, atopamos unhas cantas diferenzas entre ámbolos dous.

A primeira delas consiste na sinxeleza e rapidez que leva consigo a creación dun novo blog e a publicación de artigos nel (Ortiz de Zárate, 2008, 22). Esta facilidade contrasta cos elevados coñecementos técnicos que son imprescindíbeis para pór en marcha e manter unha páxina web, así como a grande cantidade de tempo que é preciso inverter en tal tarefa.

A inversión económica –mínima ou, na maioría dos casos, nula– que require a posesión dun blog (Ortiz de Zárate, 2008, 22) difire tamén das habituais taxas que debemos aboar por ter un dominio de fácil lembranza en Internet.

Outra diferenza reside en que, nos blogs, acostuma a revelarse a identidade do/a seu/súa autor/a ou autores/as, que é/son o/s que se encarga/n de escribir os artigos (http://es.wikipedia.org/wiki/Blog), mentres que nas páxinas web o habitual é que a/s persoa/s que está/n detrás permaneza/n no anonimato.

Por outra banda, os blogs son actualizados constantemente (Ortiz de Zárate, 2008, 22), mentres que nas páxinas web non sucede isto. De feito, cando estas son actualizadas, acostuma a alterarse a páxina enteira e, ademais, cando isto sucede, a información que dela se quita xa non pode ser recuperada polos lectores. Isto non é así no caso do blog, no cal, a medida que se van introducindo novas entradas, as antigas son arquivadas, pero aínda así seguen sendo accesíbeis desde esa mesma páxina do blog a través de índices diversos (http://www.articlegarden.com/es/Article/Blogs-vs--Websites--What-s-The-Big-Difference-/17785).

Derivado da oposición anterior, podemos observar que, no blog, o visitante soe atopar algo novo en cada visita (Ortiz de Zárate, 2008, 22), mentres que as páxinas web soen conter información sobre algo que non cambia a cotío (http://www.articlegarden.com/es/Article/Blogs-vs--Websites--What-s-The-Big-Difference-/17785).

Non obstante, tampouco debemos agardar dos blogs deseños moi complexos ou grandes sorpresas visuais, xa que neles «no es el envoltorio lo que cuenta, sino el relleno» (Ortiz de Zárate, 2008, 22). Isto é así porque se trata basicamente dun editor de contidos, mentres que as páxinas web traballan máis os aspectos visuais e de deseño.

Pero, malia todo, os contidos publicados nos blogs non se limitan aos textos e tenden a ser cada vez máis multimedia, grazas á sinxeleza que implica inserir nos artigos fotografías, arquivos de son, vídeos, presentacións de diapositivas ou calquera outro contido dixital (Ortiz de Zárate, 2008, 22).

A pesares disto, a estruturación dun blog baséase na organización cronoloxicamente inversa dos seus artigos, isto é, que neles se sitúa en primeiro lugar o derradeiro artigo publicado e, a partires deste, progresivamente van aparecendo os máis e máis antigos (Ortiz de Zárate, 2008, 22). Pola contra, a información das páxinas web está polo xeral exposta en zonas visuais, sen prestar atención á súa data de publicación.

Para rematar, cómpre sinalar que outro aspecto importante dos blogs é a súa interactividade, especialmente en comparación coa páxinas web tradicionais. De feito, dado que se actualizan frecuentemente e permiten aos visitantes comentar os artigos, funcionan como ferramentas sociais que permiten contactar con outras persoas coas que se comparten intereses, co cal chegan a ser considerados como unha comunidade (http://es.wikipedia.org/wiki/Blog). Así, mentres que os blogs se empregan para a comunicación, a función principal das páxinas web é, pola contra, a de proporcionar certa clase de información aos seus visitantes e, aínda que pode contar cun apartado dedicado a deixar comentarios ou un enderezo electrónico para escribir ao/á seu/súa autor/ao u autores/as, non é esa a finalidade para a que son creadas (http://www.articlegarden.com/es/Article/Blogs-vs--Websites--What-s-The-Big-Difference-/17785).

Estas diferenzas básicas entre un blog e una páxina web tradicional poden quedar sintetizadas na seguinte táboa, extraída de Ortiz de Zárate (2008, 23), aínda que modificada:


Blog


Páxina web


Moi fácil de editar


Editada por un experto (webmaster)


O custo é cero ou marxinal


Implica un custo de mantemento


Coñécese o/a autor/a ou autores/as


Prevalece o anonimato


Actualízase con moita frecuencia


Os contidos tenden a ser permanentes


Abráianos cada día


Permanece relativamente estábel


Privilexia o contido


Privilexia o aspecto visual, o deseño


Estrutúrase por orde cronolóxica


Estrutúrase en áreas visuais


Permite a participación vía comentarios


A participación está moi limitada



Pois ben, até aquí chegou esta introdución teórica ao que os blogs son e ao que hogano significan na nosa sociedade. É boa hora de pór en práctica tales coñecementos mediante a exploración da Rede á procura de blogs sobre o noso eido de interese; é dicir, o ensino en xeral, e a Educación Musical en particular.

12.5.08

«Blogs»: posibilidades no eido escolar

Tendo en conta as características dos blogs anteriormente expostas, pódese botar man desta ferramenta para desenvolver procesos de ensino e aprendizaxe como ( http://web.educastur.princast.es/proyectos/cuate/eblog/blogs_y_educacion.pdf ):



- Blog dunha aula, dunha materia ou dun tema: ás veces consiste simplemente nunha páxina persoal do docente, pero tamén pode ser un complemento ás clases presenciais, incluíndo información adicional e propostas de actividades complementarias (para cuxa realización se botaría man dos recursos que ofrecen os blogs tales como a escritura hipertextual, os soportes multimedia, os comentarios ou a proposición de enlaces relacionados), e aproveitando a interactividade do medio. A través desta modalidade conseguiría ampliarse o contexto presencial da aula, diversificando deste xeito o espazo habitual de traballo do alumnado (que podería acceder aos contidos desde a súa casa, unha biblioteca ou calquera outro lugar cun ordenador e acceso a Internet). É quizabes o tipo de blog máis empregado no eido educativo.

- Blog persoal do alumnado: estruturaríase a modo dun diario persoal, onde cada alumno iría escribindo sobre as súas inquietudes e intereses, aínda que sempre desde unha actitude de respecto cara as demais persoas (etiqueta) e cara a propiedade intelectual (cita dos recursos empregados). Asemade, o alumnado tamén participaría nos blogs dos seus compañeiros deixando comentarios con contribucións persoais e propostas.

- Blog como publicación electrónica multimedia: consistiría nun xornal escolar, unha revista dixital, un compendio de monografías sobre diversos temas, etc. Desde esta perspectiva, aproveitaríase a potencia e a sinxeleza dos blogs para a xestión de arquivos multimedia propios ou vinculados, podendo conseguir non obstante uns resultados de edición sorprendentes; así como as posibilidades de participación que ofrecen, e que permiten enriquecer os seus contidos con contribucións e comentarios doutros usuarios, coa sindicación mediante RSS ou coa utilización dos podcasts, entre outras moitas posibilidades.

- Blog como guía de navegación: este tipo de blog empregaríase para comentar páxinas web de interese e noticias, así como para realizar contribucións en forma de crítica ou de comentario. Neste caso, faríase unha alusión directa á metáfora do caderno de bitácora ou de viaxes, xa que se constituiría como un espazo no cal os propios navegantes anotarían as incidencias e detalles da súa navegación, aconsellando, propondo e presentando aos seus compañeiros as páxinas web fosen visitado e súa opinión persoal sobre elas.

9.5.08

«Blogs»: características

Parafraseando a http://web.educastur.princast.es/proyectos/cuate/eblog/blogs_y_educacion.pdf, podemos establecer as seguintes características:

- Contido hipertextual e multimedia. Os xestores de blogs admiten todo tipo de arquivos multimedia (textos, imaxes, arquivos de son, vídeos, animacións flash, etc.), e permiten enlaces a documentos ou a outros sitios web.

- Fácil utilización, independizando o contido do deseño e os axustes técnicos. A través de asistentes, plataformas online de xestión e patróns predeseñados, simplifícase arreo o proceso de creación de materiais. Isto facilita que os usuarios concentren os seus esforzos no contido, sen necesidade de instalar ningún programa nin de ter coñecementos avanzados de edición HTML. Incluso poden enviar contidos vía correo electrónico ou mensaxes curtas a móbiles, o cal abre as portas unha aínda maior mobilidade dos usuarios.

- Organización cronolóxica e temática da información. Tódolos contidos están organizados por orde cronolóxica e temática, e son accesíbeis mediante índices temáticos, un calendario ou un buscador. Ademais, cada artigo que se publica xera un enlace permanente (permalink), que pode ser citado directamente desde outros blogs ou sitios web. Os enlaces externos ou blogroll tamén están organizados por temas, e contribúen a crear unha rede de sitios afíns, un hábitat dentro do ecosistema ou blogosfera.

- Intercambio de ideas, definido pola participación e as contribucións dos usuarios mediante comentarios aos distintos artigos e contidos, fomentando o debate, a discusión e o emprego responsábel do ciberespacio, mais observando sempre a debida etiqueta.
Esta afirmación vese complementada polo seguinte (http://es.wikipedia.org/wiki/Blog): «es necesario precisar que esta es una opción que depende de la decisión que tome al respecto el autor del blog, pues las herramientas permiten diseñar blogs en los cuales no todos los internautas –o incluso ninguno– puedan participar.»

Non obstante, Ortiz de Zárate (2008) comenta que «muchos blogueros consideran que un blog sin comentarios no es un blog».


- Distintos niveis no papel desempeñado polo usuario, o que fai posíbel a xestión compartida dun blog. Isto, unido á posibilidade de acceso desde calquera lugar e a calquera hora, abre grandes posibilidades de traballo en colaboración transcendendo o espazo xeográfico. Calquera persoa en calquera momento e lugar pode colaborar en calquera blog.

- Sindicación de contidos mediante RSS. Este foi un dos motores da enorme difusión dos blogs, e incluso chegou a cambiar o xeito de acceder á información. O emprego dos lectores e agregadores de feeds ou noticias RSS permite coñecer os derradeiros contidos publicados naqueles sitios que nos interesan, sen necesidade sequera de abrir o navegador.

- Relación con outras aplicacións na Rede. Máis arriba apuntábase xa que os blogs forman parte dun hábitat, un ecosistema da Rede, cuns usos e costumes relacionados entre si. Así, por exemplo, os blogs multiplican o seu potencial unidos a outras aplicacións y servizos ao engadir contidos multimedia, marcadores sociais ou etiquetas (tags), que son lidas e indexadas por outras aplicacións.

8.5.08

«Blogs»: estrutura

Aínda que existen abondas diferenzas entre uns blogs e outros, definidas tanto polos servidores como polos propios usuarios, todos eles acostuman contar con (Domínguez, 2007, http://web.educastur.princast.es/proyectos/cuate/eblog/blogs_y_educacion.pdf e Ortiz de Zárate, 2008):

- Unha cabeceira. Nela acostuman a aparecer o título e o subtítulo do blog, un logotipo que o singulariza, algún que outro elemento decorativo, un enlace á páxina de inicio e mais outros enlaces básicos, como por exemplo a unha páxina web da cal dependa, a un enderezo electrónico ou ao curriculum vitae do/a seu/a autor/a ou autores/as.

- Unha ou varias barras laterais ou side bars, nas que se inclúe unha explicación do contido do blog, unha zona de presentación e contacto co/a autor/a ou autores/as chamada «perfil», un arquivo para acceder por datas (meses, semanas, días) aos contidos que non aparecen en portada, un listado de categorías ou etiquetas polas que se clasifican os artigos, varios enlaces relacionados coa temática do blog, que reciben o nome blogroll; un visor da actividade do blog a través de contadores de visitas e de visitantes, do número de blogs que enlazan con ese, ou tamén a través de mapas de sitios web que o enlazan; un buscador para dentro do propio blog, para a blogosfera completa ou ben para a Rede en xeral; banners de adhesión a unha campaña ou de publicidade con motivo dalgunha iniciativa; publicidade, especialmente contextual (adsense); un apartado de sindicación para que outras persoas poidan subscribirse aos contidos dese blog; unha icona da licenza Copyleft que, a diferenza do Copyright, ofrece contidos á comunidade de forma gratuíta, pero con reserva de certos dereitos como os de cita ou de uso non comercial; e outros elementos variados a gusto do/a autor/a ou autores/as e que inclúen calquera cousa que sexa dixitalizábel.

- E un espazo destinado ás entradas, apuntes ou posts, no que podemos observar só un certo numero destas en orde cronoloxicamente inversa, que tipicamente soen ser dez. Dentro de cada unha delas, podemos ver a data e a hora de publicación do artigo, o seu título, un resumo do seu contido e un enlace ao artigo completo («ler máis») ou ben directamente o corpo ou texto do artigo, un pé de artigo ou footer no que se atopan varios enlaces ás categorías e etiquetas a través das que se organiza, o nome do/a seu/súa autor/a ou autores/as, un enlace permanente URL ou permalink dese artigo, o número de comentarios cos que conta, un enlace para acceder a eles, outro enlace para realizalos e, se cadra, diversos elementos multimedia, como pode ser unha imaxe (fotografía, gráfico, etc.), una presentación de diapositivas, un arquivo de son (podcast) ou un vídeo.