30.4.08

«Allegro bárbaro», de Bartók




Estes días estou rematando un traballo sobre «Béla Bartók e a música popular». E, aínda que pouco ten que ver co tema central do traballo, apeteceume anexar aquí unha das súas máis célebres obras para piano: o Allegro bárbaro.

Cómpre aclarar que, para Bartók, o motivo barbárico, sobre o que xa experimentara con anterioridade a esta obra, consiste nunha disonancia empregada como acicate rímico e acento tímbrico (Vinay, 1986, 15). É dicir, que máis que nada consiste nun efecto sonoro que este compositor emprega para insuflar vitalidade, forza, nervio e empuxe ás súas composicións.

En concreto, no Allegro bárbaro o compositor explora as posibilidades percusivas deste instrumento (Vinay, 1986, 16) como ninguén antes o fixera, e dilúe os límites entre as familias de instrumentos establecidas na clasificación organolóxica de Sachs e Hornbostel.

Referencias bibliográficas:

Vinay, G. (1986). El siglo XX. Segunda parte. En Sociedad Italiana de Musicología. Historia de la música (vol. 11). Madrid: Turner. [Versión orixinal en italiano: Il novecento II. En Societa italiana di musicología. Storia della musica (vol. X). Turín: Edizioni Di Torino, EDT, 1977].

29.4.08

Auto-presentación



Como teño feita de hai uns meses unha auto-presentacion en diapositivas (foi a primeira das tarefas que tivemos que realizar para a materia de Novas Tecnoloxías Aplicadas á Educación), decidín que esta era unha boa ocasión para reutilizala, e así explicar dun xeito máis "icónico" como considero eu que son.

O que non sei é como consideran os demais que son. Non obstante, é algo no que ás veces cavilo. Penso: se non me coñecese a min mesma de nada e me atopase comigo, que pensaría de min? Caeríame en gracia ou tacharíame por algo? Quizabes demasiado despótica? Ou demasiado nerviosa?

Miña nai querida! Agora, ao escribilo, dinme conta das tonterías nas que discurro ás veces. Cos problemas que hai no mundo e eu pensando só no meu embigo. En fin...

28.4.08

Un de xaneiro: declaración de intencións

Ola a todos e benvidos,

Coido que debo comezar a publicación de artigos neste meu blog cunha breve xustificación da súa creación.

Cómpre dicir, polo tanto, que con el me gustaría ir deixando constancia da ruta que vou marcando na miña formación universitaria, e que tamén ela vai marcando en min.

É dicir, que pretendo empregalo como un radar no que ir sinalizando os meus waypoints académicos, que supoño me definirán como profesional do ensino e como persoa.

Nada máis polo momento. Deica logo.