15.12.08

Prácticas de pandeireta

Para escoitar as pezas empregade os reprodutores.
Para descargalas, premede nos seus títulos.

Todas elas foron gravadas polo grupo "Zarambeques",
do cal é membro Carlos Alba Fraga (a.k.a. Llanero).


























[Formación Rítmica e Danza]

10.12.08

Traballos en grupo 5

14.11.08

Traballos en grupo 4

UD: « Les instruments de musique »
Guión da UD: « Les instruments de musique »
Fichas para a UD: « Les instruments de musique »
Álvarez Pino, Mariña
Fernández Sánchez, Alba
Figueroa Rial, Rafael
García Castro, Raquel
González Ben, Antía
Valladares Ocampo, David
[Idioma Estranxeiro e a súa Didáctica: Francés]

20.10.08

Traballos en grupo 1

Caneiro Pérez, Miguel
Fouz Moreno, María
González Ben, Antía
Méndez Pérez, Laura
[Didáctica da Expresión Musical]

30.5.08

«WebQuest»: fontes de información

Adell, J. (2004). Internet en el aula: las WebQuest. Edutec. Revista Electrónica de Tecnología Educativa, 17. [En liña]. Dispoñíbel en: http://www.uib.es/depart/gte/edutec-e/revelec17/adell_16a.htm [Consulta: 17 de maio de 2008].

Dodge, B. (1995). Some thoughts about WebQuests. [En liña]. Dispoñíbel en: http://edweb.sdsu.edu/courses/edtec596/about_webquests.html [Consulta: 17 de maio de 2008].

Dodge, B. (2001). A Rubric for Evaluating WebQuests. [En liña]. Dispoñíbel en: http://webquest.sdsu.edu/webquestrubric.html [Consulta: 17 de maio de 2008].

Dodge, B. (2002). WebQuest Taskonomy: A Taxonomy of Tasks. [En liña]. Dispoñíbel en: http://webquest.sdsu.edu/taskonomy.html [Consulta: 17 de maio de 2008].

Education World. (2000). Meet Bernie Dodge -- the Frank Lloyd Wright of Learning Environments! [En liña]. Dispoñíbel en: http://www.education-world.com/a_tech/tech020.shtml [Consulta: 17 de maio de 2008].

Eduteka (2002). Construyendo una MiniQuest. [En liña]. Dispoñíbel en: http://www.eduteka.org/pdfdir/DiferenciasMiniquest.pdf [Consulta: 17 de maio de 2008].

http://es.wikipedia.org/wiki/WebQuest [Consulta: 17 de maio de 2008].

March, T. (1998). Why WebQuests?, an introduction. [En liña]. Dispoñíbel en: http://tommarch.com/writings/intro_wq.php [Consulta: 17 de maio de 2008].

Marquès Graells, P. (1999). Plantilla de catalogación, evaluación y uso contextualizado. [En liña]. Dispoñíbel en: http://dewey.uab.es/pmarques/evalweb.htm [Consulta: 17 de maio de 2008].

Marzano, R. J. (1992). A different kind of classroom: Teaching with dimensions of learning. Alexandria VA: Association for Supervision and Curriculum Development.

Muñoz de la Peña Castrillo, F. (a). Rúbrica para evaluar tu WebQuest. [En liña]. Dispoñíbel en: http://www.aula21.net/tallerwq/fundamentos/mirubrica.htm [Consulta: 17 de maio de 2008].

Muñoz de la Peña Castrillo, F. (b). WebQuest: investigar en la web. Una propuesta metodológica para usar Internet en el aula. [En liña] Dispoñíbel en: http://www.aula21.net/index.htm [Consulta: 17 de maio de 2008].

Muñoz de la Peña Castrillo, F. e Valero Fernández, A. Cazas de tesoros ¿Qué son? [En liña]. Dispoñíbel en: http://www.aula21.net/cazas/index.htm [Consulta: 17 de maio de 2008].

Olivella, J. e Barlam, R. (1999). Crear, publicar i compartir en xarxa: les unitats didàctiques multimèdia compartides. Guix, 259.

Real Academia Española (2005). Plural. En Diccionario panhispánico de dudas. [En liña]. Dispoñíbel en: http://buscon.rae.es/dpdI/SrvltConsulta?lema=plural [Consulta: 17 de maio de 2008].

Roig Vila, R. (2007). Internet aplicado a la educación: webquest, wiki y weblog. En J. Cabrero (Coord.). Nuevas Tecnologías Aplicadas a la Educación (223-243). Madrid: McGraw-Hill.

Vivancos Martí, J. Cerca guiada. [En liña]. Dispoñíbel en: http://www.xtec.es/~jvivanco/actiweb/cercaguiada.htm [Consulta: 17 de maio de 2008].

29.5.08

«WebQuest»: exemplificacións (2/2)

http://www.personal.psu.edu/faculty/j/x/jxz8/Student_Webquests/Oswald/WebFiles/webqu.html [Consulta: 17 de maio de 2008].

No tocante á estética xeral da presente WebQuest, debe sinalarse que a súa aparencia xeral é un tanto pobre, xa que o seu deseño (tipografía e fondo) é un tanto monótono e os gráficos son escasos, de baixa calidade e ás veces non se sabe moi ben que función cumpren, é dicir, que non contribúen á comprensión de conceptos e ideas ou ao establecemento de relacións entre eles.

Non obstante, a fluidez de navegación por ela é máxima, xa que se desenvolveu practicamente nunha soa páxina web (a non ser a carta do alcalde, os criterios de avaliación e os enlaces externos) e, polo tanto, apenas hai posibilidade de perderse.

Finalmente, no que aos aspectos técnicos se refire, só se detectou un enlace que non funciona (o primeiro), estando o resto dos elementos básicos da WebQuest (imaxes, táboas, corrección ortográfica e gramatical) en perfectas condicións.

No que respecta á introdución, esta presenta ao alumnado un tema relacionado cos seus intereses (axudar ao alcalde a construír un parque temático sobre os distintos xéneros musicais) e describe de xeito orixinal o problema que debe resolverse (presentando unha carta que o alcalde supostamente enviou ao docente en cuestión pedíndolle a axuda do seu alumnado). Dita introdución fai referencia aos coñecementos previos sobre xéneros musicais que o alumnado debe posuír para poder enfrontarse con eficacia á resolución do problema proposto, así como a aqueles outros que deberá adquirir para tal fin.

En relación coa tarefa, esta está en relación coas prescricións legais curriculares da materia (afondamento nos distintos xéneros musicais e as súas culturas de orixe) e expón claramente que debe saber e que debe facer o alumnado para acadar os obxectivos propostos para tal actividade.

Ademais, dita tarefa require unha elaboración persoal da información obtida a través de múltiples fontes de información para a elaboración dun produto creativo con ela (que será distinto segundo o rol asignado a cada membro do grupo).

O proceso que o alumnado debe seguir para a consecución da tarefa está explicado paso por paso, de xeito que o alumnado saberá perfectamente en que momento do proceso se atopan e que terán que facer a continuación.

Os distintos pasos nel propostos permiten que todo o alumnado adquira os coñecementos precisos e acade os obxectivos propostos, independentemente de que partan de distintos niveis de coñecemento sobre o tema. Asemade, as actividades están claramente deseñadas e secuenciadas para guiar ao alumnado duns coñecementos básicos sobre a materia a un maior afondamento nesta.

Finalmente, os roles que os distintos membros de cada grupo deben adoptar están claramente indicados, de xeito que cada un dos integrantes asuma distintas responsabilidades para a consecución dunha tarefa común.

O apartado dedicado aos recursos é abondo completo e as ferramentas nel propostas son adecuadas e significativas para a obtención da información precisa durante a resolución das tarefas asignadas a cada un.

Asemade, os enlaces a páxinas web conducen a información fiábel e interesante que non se podería atopar a través dos outros medios propostos (un vídeo e varios programas informáticos en formato CD-ROM de contido educativo, relacionados coa materia) e que axudará ao alumnado a reflexionar sobre a materia que en cada caso estean a traballar.

E no que á avaliación respecta, os seus criterios están claramente definidos mediante descritores cuantitativos e cualitativos que miden claramente que deben saber os alumnos e que deben facer para responder con éxito a tarefa, a pesares de non estar expresados en forma de rúbrica.

28.5.08

«WebQuest»: exemplificacións (1/2)

Seguindo os criterios de avaliación de WebQuest establecidos por Muñoz de la Peña (a) [en liña] e por Dodge (2001), pódese dicir o seguinte dos seguintes exemplos seleccionados.

http://www.bioxeo.com/Hello_Dolly/ga/index.htm [Consulta: 17 de maio de 2008].

Darase comezo ao comentario de «Ola Dolly. Unha WebQuest» facendo referencia á súa estética xeral. Así, no que respecta aos seus elementos gráficos, estes son apropiados e temáticos, polo cal permiten facer conexións visuais que reforzan os contidos textuais. Por outra banda, o fondo e a tipografía son empregados nela de xeito coherente e eficaz.

A fluidez de navegación, non obstante, dista de ser óptima, xa que o seu menú non está claro e os distintos enlaces internos condúcennos con frecuencia a calellas sen saída ou a partes da WebQuest que non están traducidas ao galego (xa que orixinalmente este recurso foi elaborado en inglés e máis tarde foi traducido ao español, do cal se fixo unha sobretraducción ao galego).

En canto aos seus aspectos técnicos, estes son admirábeis, xa que a páxina semella feita por profesionais da informática máis que por profesionais do ensino. Non obstante, existen certos problemas ademais dos anteriormente comentados, como son a exisntencia dun bo número de enlaces externos fallidos (por outra banda, algo lóxico, xa que a WebQuest leva desde o ano 2001 sen actualizar), de imaxes desaparecidas, de erros ortográficos e gramaticais derivados dunha dubidosa tradución ao galego e mais de elementos interactivos un tanto desorientadores (por exemplo, os hipervínculos desaparecen unha vez visitados, probablemente porque a súa cor tipográfica branca se funde coa cor de fondo).

No que á introdución respecta, esta introduce ao alumnado no tema que se vai abordar para así suscitar o seu interese por el, pero en ningún caso presenta un problema que deba resolverse ou unhas preguntas que deban contestarse. Neste sentido, é puramente formal.

Pode observarse como, a través da información presentada e dos distintos enlaces cos que conta, pretende á súa vez pór de manifesto aqueles coñecementos previos que o alumnado posúa en relación co elemento central da actividade, é dicir, a clonación.

A continuación, o apartado da tarefa propón unha «pregunta esencial» (das que anteriormente se falou) sobre un tema controvertido, como é: «¿Qué política gubernamental ten que se establecer para regular a clonación?» Ademais, realízase unha contextualización real da cuestión a través dun texto legal para outorgar unha maior verosimilitude á actividade, e explícanse as habilidades cognitivas que o alumnado debe desenvolver durante o proceso para poder ser avaliado positivamente. A pesares de que o tema en si da WebQuest non está claramente incluído no currículo oficial, o xeito de traballalo exercita unha serie de habilidades e procedementos sobre os que a lexislación vixente si fai abondo fincapé.

Debido a que a información que mediante os enlaces se facilita provén de fontes moi diversas e, nalgúns casos, con opinións enfrontadas sobre a cuestión, a tarefa obriga ao alumnado a asimilar os datos recompilados e, a partir deles, adoptar unha posición propia, desde a cal elaborar un produto final.

O proceso está claramente explicado, reducindo ao mínimo a posibilidade de que o alumnado perda de vista a meta do traballo ou chegue a calellas sen saída das que non saiba como saír.

Propóñense distintos roles para adoptar, de xeito que cada quen pode adoptar aquel que mellor se adapte ao seu nivel cognitivo de entrada. Non obstante, tódolos membros do grupo deben acadar ao remate do proceso aqueles coñecementos necesarios para rematar con éxito a tarefa.

A progresión desde uns coñecementos superficiais sobre a cuestión até un dominio profundo do tema está amplamente conseguida nesta WebQuest, logrando a maiores que non decaia o interese do alumnado sobre o tema con novas e interesantes formas de achegarse a el.

A cantidade de recursos proporcionados é enorme, todos eles accesíbeis a través de Internet e relacionados co tema central da actividade. Non obstante, son tantos que algúns deles deixan de aportar datos de interese e limítanse a repetir información xa presente noutros enlaces, aínda que con lixeiras variacións no seu tratamento.

Os enlaces soen provir de fontes fiábeis e aportar información significativa que estimule a reflexión do alumnado sobre a cuestión. Ademais, moitos deles levan a noticias de xornais dixitais, é dicir, que proporcionan unha información dispoñíbel noutros formatos, aínda que de máis difícil accesibilidade.

Finalmente, como criterio de avaliación inclúese un formulario de valoración da presentación oral que tanto o docente como o alumnado debe cubrir, realizando de si mesmo unha auto-avaliación. Deste xeito, os estudantes terán moi claros os elementos polos que serán avaliados e reflexionarán sobre o seu grao de cumprimento dun xeito responsábel, co obxectivo de que comprendan as razóns polas que o seu docente lles asigna unha determinada cualificación final.

27.5.08

«WebQuest»: tipos

Existen dous tipos principais de WebQuest (Dodge, 1995, Muñoz de la Peña, b, en liña, e http://es.wikipedia.org/wiki/WebQuest ):

- WebQuest a curto prazo: desenvólvense entre unha e tres sesións de clase e nelas o alumnado debe enfrontarse cunha cantidade significativa de nova información á que debe dar sentido e extraer significados, para a adquisición e integración de coñecemento sobre un determinado contido pertencente a unha (ou varias) materia/s.

- WebQuest a longo prazo: precisan entre unha semana e un mes de clase para a súa consecución e require a realización de tarefas cualitativa e cuantitativamente maiores, baseadas no afondamento e a mellora duns determinados coñecementos. Para iso, o alumnado debe analizar en profundidade un conxunto de información, transformala dalgún xeito e demostrar a comprensión de tal material a través dalgún produto que amose tal adquisición.

Ademais, como moi ben explica a páxina web Eduteka (2002), existe tamén unha variante do primeiro tipo de WebQuest denominada MiniQuest, que xurdiu como resposta ás limitacións temporais e ás dificultades prácticas existentes á hora de deseñar, producir e pór en práctica WebQuest.
Unha MiniQuest consiste nunha versión reducida dunha WebQuest pensada para ser enteiramente desenvolvida no tempo que dura unha ou, como moito, dúas sesións de clase. Grazas a isto, a súa inserción na secuencia curricular dun curso é moito máis sinxela que no caso dunha WebQuest.

Ao tratarse dunha modalidade simplificada de WebQuest, a MiniQuest conta só con tres pasos, a saber: escenario (suposto contexto real no que se enmarca a actividade proposta e asignación ao alumnado de roles que desempeñan os adultos na vida real para motivalo e involucralo no problema proposto. Ademais, nel formúlase a «pregunta esencial» á que deben dar resposta co desenvolvemento da actividade), tarefa (relación de preguntas concretas e páxinas web específicas deseñada para que o alumnado adquira aquela información obxectiva e real precisa para responder a «pregunta esencial» optimizando o aproveitamento do tempo dispoñíbel) e produto (descrición do produto que o alumnado debe realizar para responder á «pregunta esencial» e demostrar que comprendeu a información recompilada. Dito produto debe ser ademais real e reflectir adecuadamente o rol asignado a cada estudante no escenario).

Asemade, debido á súa simplicidade, as MiniQuest requiren de moito menos tempo que as WebQuest para a súa creación. Por iso, son preferentemente empregadas por docentes que dispoñen de pouco tempo para preparar as súas clases e tamén por aqueles outros que se están a iniciar no uso das TIC no eido escolar como medio de apoio aos procesos de ensino e aprendizaxe.

Segundo o lugar que ocupen dentro dunha Unidade Didáctica, as MiniQuest clasifícanse á súa vez en: MiniQuest de descubrimento (deseñadas para presentar una nova Unidade e aumentar a motivación e interese do alumnado cara ela, polo que se desenvolven ao seu comezo), MiniQuest de exploración (dirixidas a aprender os contidos necesarios para comprender un concepto en particular ou cumprir cun obxectivo curricular determinado, polo que se realizan no transcurso da Unidade) e MiniQuest de culminación (ao remate da Unidade, con esta MiniQuest o alumnado debe botar man dos coñecementos con ela adquiridos para contestar a unha «pregunta esencial», é dicir, aquela que require unha toma de decisións ou o desenvolvemento dun plan de acción para darlle resposta).

Finalmente, cómpre sinalar que non se deben confundir as WebQuest coas chamadas «cazas do tesouro» (do inglés ‘Treasure Hunt’, ‘Scavenger Hunt’ ou ‘Knowledge Hunt’), nas que simplemente se propoñen unha serie de preguntas que o alumnado debe contestar visitando unha serie de enlaces propostos e, en ocasións, unha pregunta final de carácter máis xeral onde se demostren os coñecementos adquiridos. Unha WebQuest ten por conditio sine qua non para ser considerada como tal o feito de inducir procesos de busca e procesamento de información, así como tamén de creación de producións propias a partires dos coñecementos adquiridos. (Adell, 2004, http://es.wikipedia.org/wiki/WebQuest e Muñoz de la Peña e Valero, en liña).

26.5.08

«WebQuest»: posibilidades no eido escolar

Segundo Roig (2007), o emprego de WebQuest nas aulas supón vantaxes como:

- Constitúen un xeito de utilizar didacticamente Internet, aspecto no que radica a súa novidade (xa que as actividades baseadas en proxectos ou de resolución de problemas existían xa nas escolas desde moito antes da popularización de Internet).

- Axudan a desenvolver todas aquelas competencias derivadas do emprego de Internet, xa que o alumnado debe navegar por el para a realización das actividades propostas.

- Céntranse no tratamento máis que na busca de información, grazas á selección de recursos e fontes de información que o docente debe realizar previamente.

- Promoven o traballo autónomo do alumnado. O docente só debe orientar o proceso de ensino e aprendizaxe, no canto de deseñalo ao redor de si mesmo e os coñecementos que posúe sobre a materia.

- Son relativamente sinxelas de planificar e de adaptar ás necesidades da aula para o docente.
March (1998, citado e Adell, 2004) propón outras tres razóns básicas polas que empregar as WebQuest nas aulas, a saber:

- Incrementan a motivación, o interese e a dedicación do alumnado, polo que os resultados por el obtidos son mellores. Ao basearse na presentación dunha tarefa propia do mundo real, interesante en si mesma, e para a cal se deben adoptar uns roles determinados, o alumnado síntese de inmediato interesado pola actividade. Ademais, o emprego de recursos reais dispoñíbeis a través de Internet e doutras fontes minimiza a súa sensación de estaren desenvolvendo un «xogo escolar», xa que non se trata de buscar respostas, senón de fabricalas colectivamente a partires da información recompilada. Finalmente, o docente debe intentar dar sentido e finalidade ao esforzo do seu alumnado dando a coñecer as súas producións máis aló do contexto escolar.

- Estimulan o desenvolvemento cognitivo. As WebQuest, como estratexias de corte claramente construtivista, suscitan procesos cognitivos superiores (adquirir, procesar e producir información) mediante o scaffolding (‘estadas cognitivas’) proporcionado coas instrucións e ferramentas facilitadas no apartado do proceso e mais a través do traballo en equipo con pares máis capaces, que contribúe a que o alumnado poida realizar tarefas que, de xeito individual, sería incapaz de facer. Esta idea está intimamente relacionada co concepto de Zona de Desenvolvemento Próximo presentado polo psicólogo bielorruso Lev Semiónovich Vygotski fai arredor dun século.

- Fomentan as aprendizaxes cooperativas. Nas WebQuest, cada membro do grupo ten asignado un rol específico, que asemade debe coordinar cos do resto dos integrantes para resolver conxuntamente a tarefa proposta e elaborar un produto final. Polo tanto, no desenvolvemento dunha WebQuest faise necesario o traballo de e a cooperación entre tódolos membros do grupo, o cal reforza indirectamente a autoestima dos estudantes e promove a cooperación e a colaboración entre los elos para resolver unha tarefa común.
E, finalmente, aínda que debería ser unha constante no noso sistema educativo e, polo tanto, non ser preciso indicalo como vantaxe específica destas ferramentas, cómpre indicar que tanto os blogs como as WebQuest son tamén un excelente mecanismo de alfabetización dixital dos escolares e de integración das TIC no eido educativo.

23.5.08

«WebQuest»: características

Segundo Muñoz de la Peña (b) [en liña], as WebQuest contan coas seguintes características esenciais:

- Dotan aos docentes das ferramentas necesarias para usar as TIC desde unha perspectiva educativa, desenvolvendo as súas propias ideas en relación co tema que estean ensinando.

- Axuda aos docentes a planear e a estruturar os procesos de ensino e aprendizaxe dun xeito claro e creativo.

- Poden posuír elementos destinados a aumentar a motivación do alumnado cara elas como a asignación vía correo electrónico de roles simulados, aínda que presentes no mundo real (como por exemplo o de científico, o de detective ou o de reporteiro); ou a ambientación da actividade nunha situación e un escenario verosímiles (por exemplo: o secretario xeral da ONU pídelles que realicen un informe sobre a actual situación do Sahara).

- Poden aplicarse a un amplo rango de temas, aínda que onde son máis apropiadas é no tratamento de cuestións que non estean moi ben definidas, de tarefas que inviten á creatividade e de problemas con varias solucións posíbeis. Pola contra, non deben empregarse para ensinar temas cuxa información estea baseada en datos puntuais, incluso aínda que fose posible localizar páxinas web con ditos contidos (neste caso estariamos a falar máis ben dunha «caza do tesouro», da que máis adiante se falará).

- Poden estar deseñadas para abordar contidos pertencentes a única materia ou ben poden ser multidisciplinares.

- A través do procesamento da información obtida –principalmente a través de Internet–, potencian no alumnado o desenvolvemento de moitas das súas capacidades intelectuais, que serán nomeadas cando se fale dos aspectos curriculares no apartado sobre os compoñentes dunha WebQuest.

- Son actividades creadas fundamentalmente para que os alumnos traballen en grupo, aínda que tamén poidan deseñar para a realización dun traballo individual.

- O produto final elaborado polos alumnos pode ser transmitido e compartido, xerando con iso algo útil para outras persoas.

- O seu principal inconveniente para o docente é a cantidade de tempo que require o seu deseño. Con todo, é alentador pensar que, unha vez realizada, a maior parte do traballo está feito e o docente é relevado de ser a principal fonte de nova información na clase, co que poderá dedicarse a traballar cos estudantes adoptando un papel de guía na súa construción persoal do coñecemento. Ademais, poderá ser reutilizala varias veces, para o cal bastará simplemente con retocala para adaptala ao novo contexto.

22.5.08

«WebQuest»: estrutura

Segundo Muñoz de la Peña (b) [en liña], unha WebQuest debería posuír, en termos xerais, a seguinte estrutura:

- Introdución: debe aportar información clara e concisa sobre a actividade que se vai desenvolver a continuación. Asemade, «los proyectos deben contarse a los estudiantes haciendo que los temas sean atractivos, visualmente interesantes, parezcan relevantes para ellos debido a sus experiencias pasadas o metas futuras, importantes por sus implicaciones globales, urgentes porque necesitan una pronta solución o divertidos ya que ellos pueden desempeñar un papel o realizar algo.»

- Tarefa: é a parte central da WebQuest. Nela realízase unha descrición formal do traballo que o alumnado terá que desenvolver, así como dos obxectivos que con el deberá acadar.
Segundo Dodge (2002), existen doce clases básicas de tarefas que se poden realizar a través dunha WebQuest, a saber: definitions (‘definicións’: o alumnado debe asimilar unha determinada información e logo demostrar que así o fixo), compilation tasks (‘tarefas de recompilación’: consiste en recopilar información de diversas fontes e elaborar con ela un discurso propio), mystery tasks (‘tarefas de misterio’: preséntase o tema como unha adiviña ou unha historia de detectives para suscitar con iso o interese do alumnado. Pódese botar man da técnica do role playing para aumentar o seu grao de verosimilitude), journalistic tasks (‘tarefas xornalísticas’: os alumnos deben adoptar o papel de xornalistas e cubrir un evento, sobre o cal deben redactar un texto xornalístico o máis imparcial posíbel), design tasks (‘tarefas de deseño’: consiste en desenvolver os procedementos necesarios para acadar un obxectivo prefixado tendo en conta unha serie de limitacións que presumibelmente existirían no mundo real de levarse a cabo tal proxecto), creative product tasks (‘tarefas de produto creativo’: aprender sobre un tema reelaborándoo noutro formato, que deixará ao alumnado un amplo marxe de liberdade pero que, non obstante, tamén terá marcados uns límites en función do xénero de que se trate), consensus building tasks (‘tarefas de construción de acordos’: presentar un tema controvertido, sobre o que deben tratar de chegar –na medida do posíbel– a un acordo, e simular que o dan a coñecer a través dalgúns dos cauces existentes na vida real), persuasion tasks (‘tarefas de persuasión’: o alumnado debe tratar de cambiar a opinión dunha suposta audiencia con argumentos fundamentados e convincentes), self-knowledge tasks (‘tarefas de auto-coñecemento’: trátase de promover un maior coñecemento dun mesmo a través dunha reflexión guiada sobre certos aspectos da súa propia vida), analytical tasks (‘tarefas analíticas’: trátase de establecer relacións entre variábeis, ben de semellanza e diferenza, ben de causa e efecto, etc.), judgment tasks (‘tarefas de valoración’: pretende que o alumnado elabore uns xuízos de valor propios e fundamentados sobre un tema que debe coñecer relativamente ben) e scientific tasks (‘tarefas científicas’: introduce ao alumnado no método científico de obtención do coñecemento). Na práctica, estes doce tipos tarefas básicas soen aparecer combinados («It's likely that the task in a given WebQuest will combine elements of two or more of these task categories.», di Bernie Dodge nese mesmo escrito).

O produto resultante de tales tarefas pode ir desde unha exposición verbal a unha gravación en vídeo, pasando pola construción dunha paxina web, a elaboración dunha presentación de diapositivas, a produción dun traballo de creación ou calquera outra produción que incite ao alumnado procesar e transformar información que previamente recompilou.

- Proceso: de forma sinxela, nesta sección ofréceselle ao alumnado información sobre os pasos que debe seguir para resolver a tarefa anteriormente exposta.

Asemade, se se trata dun traballo de carácter grupal, é conveniente delimitar as funcións de cada membro do grupo, ao igual que sucede nos agrupamentos de traballo que existen na vida real. Polo tanto, tales funcións poden ser simuladas, repartindo entón entre eles os diferentes postos de traballo que existen nun organismo determinado (a redacción dunha revista, un concello, etc.).

Incluso se poden facer recomendacións para desenvolver un proceso de aprendizaxe máis eficaz (dinámica de grupos, mapas conceptuais, brainstorming, etc.).

- Recursos: proponse aquí unha relación de páxinas web e outras fontes de información que o docente seleccionou previamente ou elaborou el mesmo para que o alumnado poida centrarse no procesamento da información e non se perda buscando entre o mare magnum de información que Internet e os demais medios poñen á súa disposición. En ocasións, divídense tales recursos naqueles que é conveniente que todo o grupo revise, e aqueles outros máis específicos e, polo tanto, acordes co traballo que cada membro do grupo realizará de xeito particular.

As páxinas web propostas deberían ser produto dunha análise e selección previa que asegurase a súa conveniencia para o tema que se está a abordar. Para iso, pode empregarse unha guía para a avaliación de páxinas web como as facilitadas por Muñoz de la Peña (b) [en liña] ou por Marquès (1999).

- Avaliación: os criterios de avaliación do alumnado deben ser claros, consistentes, acordes coas tarefas solicitadas e deixar un marxe para a autoavaliación por parte do propio alumnado, quen debe coñecer moi ben os criterios polos que vai ser avaliado.

A este respecto, Adell (2004) comenta que:

«Coherentemente con los principios constructivistas que fundamentan las WebQuest como estrategia didáctica, la evaluación de los alumnos se basa en los presupuestos de la “evaluación auténtica”, esto es, un proceso de evaluación de los alumnos en el que los conocimientos y destrezas adquiridos son medidos y valorados usando como contexto el mundo real, en lugar de mediante pruebas estandarizadas. También se habla a menudo de “evaluación de la actuación” de los estudiantes, es decir, de una manera de trabajar en el aula en la que el estudiante debe producir una respuesta o un producto que demuestre los conocimientos o destrezas que ha adquirido. Dos de las técnicas habituales asociadas a la evaluación auténtica y de la actuación son los portafolios y las rúbricas de evaluación. Los portafolios son colecciones sistemáticas de muestras del trabajo del estudiante, registros de observación, resultados de pruebas, etc. de un periodo de tiempo determinado con el propósito de evaluar el desarrollo y el grado de consecución de los objetivos. Las rúbricas son sistemas descriptivos de puntuación que guían el análisis de los productos y procesos de los estudiantes en base a grados de dimensiones clave preestablecidas de antemano. Los portafolios, electrónicos o en papel, tienen una orientación más a largo plazo (un curso, por ejemplo), por ello, prácticamente todas las WebQuest proponen una rúbrica de evaluación que analiza principalmente el producto final elaborado por los estudiantes.»

- Conclusión: finalmente, este apartado dedícase a facer un repaso pola actividade desenvolvida, buscando con iso reforzar e estimular a extrapolación a outras situacións das aprendizaxes adquiridas a outras situacións. Asemade, farase unha valoración global da ferramenta e deixaranse abertas algunhas vías para que, aqueles que estean interados, poidan seguir afondando nesa temática.

Ademais dos elementos até aquí expostos, Adell propón que toda WebQuest debería incluír así mesmo:

- Créditos e referencias: «Es conveniente incluir mención a las fuentes de todas las imágenes, música o textos que se han utilizado incluyendo vínculos a las fuentes originales. También deberíamos agradecer la ayuda que hayamos recibido en forma de otras WebQuest en las que nos hemos inspirado, páginas web de especial relevancia para la tarea, libros consultados, etc.» (Adell, 2004).

Por outra banda, este autor tamén distingue entre as WebQuest destinadas ao alumnado e aquelas publicadas coa finalidade de que outros docentes se sirvan delas para o desenvolvemento do seu labor profesional. Este derradeiro tipo consistiría nunha adaptación da WebQuest orixinal para facilitar a maiores toda aquela información adicional precisa para poder replicar o proceso de ensino e aprendizaxe mediado por dita WebQuest nun contexto distinto daquel para o que foi deseñada. Isto é:

- Introdución: incluiría un breve parágrafo no que se explicasen as causas e os motivos que levaron á elaboración desa WebQuest, e outro no que se expuxese o seu tema dun xeito conciso, aínda que adaptado á audiencia profesional á que vai dirixida.

- Alumando: indicaríase aquí a etapa educativa e o curso ao que vai dirixida a WebQuest, os coñecementos previos imprescindíbeis que o alumnado require e, de habela, a posibilidade da súa adaptación a niveis educativos inferiores ou superiores.

- Aspectos curriculares: incluiríanse aquí os obxectivos e os contidos didácticos prescritivos aos que a presente WebQuest dá resposta, redactados en termos acordes cos estándares vixentes.

Ademais, conviría describir que clase de pensamento e habilidades son potenciadas por cada actividade: comparing (‘comparación’), classifying (‘clasificación’), inducing (‘inferencia’), deducing (‘dedución’), analyzing errors (‘análise de erros’), constructing support (‘construción dun proxecto’), abstraction (‘abstracción’) ou analyzing perspectives (‘análise de perspectivas’) (Marzano, 1992, citado en Dodge, 1995).

- Tarefa: este apartado permanecería sen alteración algunha.

- Proceso: conviría que se incluísen aquí algúns detalles de interese para o docente, tales como a espacialización, a temporalización ou, de seren relevantes, os criterios seguidos para a formación dos grupos.

- Recursos: deberíanse incluír neste caso aqueles recursos materiais precisos a maiores das fontes de información anteriormente sinaladas (por exemplo, o tipo e a cantidade de hardware e software específico necesario), así como os recursos persoais de que require e as funcións que cada un debe desempeñar.

- Avaliación: aquí só cabería facer algunha que outra aclaración relacionada co xeito de pór en práctica o criterio elixido para tal fin (xa sexa a rúbrica ou o portafolios).

- Conclusión: destinaríase neste caso a describir a relevancia e interese da presente WebQuest atendendo aos coñecementos, habilidades e actitudes que traballa no alumando.

21.5.08

«WebQuest»: orixes

Para abordar este apartado, non atopamos mellor xeito de facelo que reproducindo un fragmento dunha entrevista feita por Linda Starr para a páxina web Education World (2000) a Bernie Dodge, o seu xa mencionado creador:

«– Education World: Would you describe briefly how and why you developed the WebQuest model? Did you start with a goal? a need? an inspiration?

B. Dodge: It started [1995] with a course I was teaching for second-semester student teachers. I wanted them to learn about an educational simulation called Archaeotype, but I didn't have a copy of the software or the means to show it. So instead, I put together an experience in which they worked in groups attacking a pile of different information sources about Archaeotype that I had lined up: a few pages of an evaluation report on the project, a few Web sites that described the software and the constructivist philosophy behind it, a virtual chat with one of the developers in New York, and a room-based videoconference with a teacher who had tested the program. The task was to divvy up these sources, integrate the information, and decide whether, and how, the Archaeotype program could be used at the inner-city school at which they were student teaching.

Education World: Was the lesson successful?

B. Dodge: It was great! Having done my part ahead of time by organizing the resources, I had to speak very little during the two hours they worked on it. I enjoyed walking around and helping where necessary and listening to the buzz of conversations as students pooled their notes and tried to come to a decision. The things they were talking about were much deeper and more multifaceted than I had ever heard from them. That evening I realized that this was a different way to teach -- and that I loved it!

Education World: How long did it take you to develop the WebQuest format?

B. Dodge: A few weeks later -- pretty much all in one sitting -- I put together a template, set up in the same way I had done the Archaeotype lesson: introduce the situation, list some information resources, give them a task that required grappling with the information, lay out the steps on what to do with the information, and then bring it to a conclusion. I used a search engine to look around for various names to give this way of teaching and soon settled on “WebQuest”. At that time (February 1995), there were no pages with that word to be found. My students used my template to create their own interdisciplinary lessons. Soon after, Tom March used the structure to develop Searching for China, as part of his work for Pacific Bell's Education First initiative. I wrote Some Thoughts About WebQuests, an article for a distance education newsletter, and suddenly the idea began to catch on. That is how it all began.»

20.5.08

«WebQuest»: definición

O termo WebQuest provén do inglés e está formado polas palabras web (‘rede informática’) e quest (‘busca’). Segundo di Adell (2004), algúns autores propuxeron traducións deste anglicismo, como cerca guiada (que, traducido do catalán, vén sendo ‘busca asistida’) por Vivancos [en liña], ou guies didàctiques de navegació (‘guías didácticas de navegación’) por Olivella e Barlam (1999). Non obstante, estas solucións non lograron conservar toda a polisemia que a verba quest posúe na súa lingua de orixe, polo que o termo máis empregado para designar esta realidade segue sendo o préstamo WebQuest.

Ademais, segundo se deduce do exposto pola Real Academia Española (2005) sobre as regras de formación do plural de substantivos e adxectivos rematados en grupo consonántico, deducimos que o termo WebQuest (que, non obstante, aínda non está admitido por esta institución por mor da súa recente invención) permanece invariábel, xa que:

«Procedentes todos ellos de otras lenguas, forman el plural con -s (salvo aquellos que terminan ya en -s, que siguen la regla general) [..]. Se exceptúan de esta norma las voces compost, karst, test, trust y kibutz, que permanecen invariables en plural, pues la adición de una -s en estos casos daría lugar a una secuencia de difícil articulación en español.»

Segundo o seu creador, Bernie Dodge, defínese como: «A WebQuest is an inquiry-oriented activity in which some or all of the information that learners interact with comes from resources on the internet, optionally supplemented with videoconferencing.» (Dodge, 1995).

Jordi Adell, por outra banda, dá deste recurso unha definición máis técnica, desde o punto de vista da didáctica: «Una WebQuest es un tipo de actividad didáctica basada en presupuestos constructivistas del aprendizaje y la enseñanza que se basa en técnicas de trabajo en grupo por proyectos y en la investigación como actividades básicas de enseñanza/aprendizaje.» (Adell, 2004).

E, finalmente, aportarase aquela definición do termo proposta por Rosabel Roig, esta vez de carácter máis pragmático: «Una webquest es un tipo de unidad didáctica que plantea a los alumnos una tarea o resolución de un problema y un proceso de trabajo colaborativo, basado principalmente en recursos existentes en Internet.» (Roig, 2007).

19.5.08

«WebQuest»: introdución

Agora publicarei, tamén por capítulos, outro traballo que leva por título «As WebQuest» e que fixen de novo para a materia de Novas Tecnoloxías Aplicadas á Educación. Premendo no enlace do título pódese descargar o traballo completo nun só arquivo con formato PDF.

16.5.08

«Blogs»: fontes de información

Domínguez, M. (2007). Blogs educativos. [En liña]. Dispoñíbel en: http://www.slideshare.net/aula21/blogs-educativos-de-marian-domnguez-ies-universidad-laboral-de-albacete/ [Consulta: 25 de abril de 2008].

http://centros.edu.xunta.es/ceipvistaalegre/ [Consulta: 23 de abril de 2008].

http://es.wikipedia.org/wiki/Blog [Consulta: 25 de abril de 2008].

http://web.educastur.princast.es/proyectos/cuate/eblog/blogs_y_educacion.pdf [Consulta: 25 de abril de 2008].

http://www.articlegarden.com/es/Article/Blogs-vs--Websites--What-s-The-Big-Difference-/17785 [Consulta: 25 de abril de 2008].

http://www.torresburriel.com/weblog/2006/02/06/guia-para-evaluar-weblogs/ [Consulta: 23 de abril de 2008].

http://www.uprm.edu/ideal/rubrica-blog.htm [Consulta: 23 de abril de 2008].

Ministerio de Educación y Ciencia. (2006). Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación. BOE de 4 de maio de 2006. [En liña]. Dispoñíbel en: http://www.edu.xunta.es/ftpserver/portal/Conselleria/loe.pdf [Consulta: 23 de abril de 2008].

Ortiz de Zárate Tercero, A. (2008). Manual de uso del blog en la empresa.
Cómo prosperar en la sociedad de la conversación
. Barcelona: Infonomía. [En liña]. Dispoñíbel en: http://www.infonomia.com/img/libros/pdf/BlogsEmpresa.pdf [Consulta: 25 de abril de 2008].

Real Academia Española (2005). Diccionario panhispánico de dudas. Madrid: Santillana. [En liña]. Dispoñíbel en: http://buscon.rae.es/dpdI/ [Consulta: 25 de abril de 2008].

Real Academia Española (2001) (22ª Ed.). Diccionario de la lengua española (2 vols.). Madrid: Espasa-Calpe. [En liña]. Dispoñíbel en: http://buscon.rae.es/dpdI/ [Consulta: 25 de abril de 2008].

Santamaría González, F. (2005). Herramientas colaborativas para la enseñanza usando tecnologías web: weblogs, redes sociales, wikis, web 2.0. [En liña]. Dispoñíbel en: http://gabinetedeinformatica.net/descargas/herramientas_colaborativas2.pdf [Consulta: 25 de abril de 2008].

15.5.08

«Blogs»: exemplificacións (2/2)

http://juanfranmusica.blogia.com/ [Consulta: 25 de abril de 2008].

O blog académico de intercambio de experiencias entre docentes PercuSIoNOMúsicaHispanidad foi recentemente creado por Juanjo, un mestre especialista en Educación Musical do CP Hispanidad de Garrucha (Almería).

Tal clasificación do blog fíxose atendendo a que leva por subtítulo: «Blog informativo del quehacer diario del colegio público de infantil y primaria, especialidad de música», polo que se deduce que se trata dun blog no que este mestre escribe sobre o seu día a día como docente, aínda que non queda de todo claro debido á súa singular redacción. Asemade, nun primeiro golpe de vista pode tamén apreciarse no encabezamento do seu corpo unha páxina dun libro de texto de Educación Musical co título algo chocante «Flauta 1», que apoia tal encadre.


Por conseguinte, a principal razón que levou ao seu autor a crealo semella ser a necesidade de facer explícita a súa práctica docente cotiá mediante a formulación escrita das súas experiencias e impresións, para así facerse máis consciente dos procesos de ensino e aprendizaxe que desenvolve e reflexionar sobre eles, axudado ademais polos comentarios que outros profesionais do ensino poderían facer aos seus artigos.

Non obstante, a pesares desta declaración de intencións, o seu autor non foi quen de acadar tal propósito, como se poderá deducir do seguinte:

Os seus contidos non gardan relación algunha cos obxectivos formulados, xa que os seis artigos cos que até o de agora conta tratan sobre temáticas moi dispares, pero ningunha da unha resposta efectiva á temática para a cal se proxectou o blog. De feito, tales artigos consisten en:

- Entrada sen título na que se anuncia en tan só unha liña e media unha actividade musical para o Día Internacional da Paz, sen especificar nada máis sobre ela.

- Texto longo e pesado sobre os logros musicais e profesionais de d. Fernando Palacios con motivo do seu nomeamento como director de Radio Clásica.

- Videoclip dun grupo andaluz de música pop chamado El puchero del hortelano, dunha calidade musical cando menos cuestionábel.

- Entrada sen título que simplemente reza «Partitura», pero na que non hai nada máis que acompañe tal lema.

- Presentación de fotografías sobre unha actividade desenvolvida na biblioteca por outra mestra e o seu alumnado con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora.

- Entrada na que se anuncia nunha soa liña un método escolar en tres niveis para aprender a tocar a frauta doce, pero do que se esqueceu dar a referencia, anexar unha fotografía ou, cando menos, dar o título.

Polo tanto, trátase duns contidos inconexos, as máis das veces sen sentido, carentes de interese e que non responden de ningún xeito ás expectativas que a suposta audiencia do blog se creara a partires do subtítulo. Os seus encabezamentos (cando os hai) son pouco descritivos. Así mesmo, a relación coas imaxes que acompañan os artigos é ás veces incoherente, volvéndose estas insubstanciais e incluso contraditorias ao texto.

No tocante ao seu deseño, pódese dicir que as tipografías, a paleta de cores e o fondo elixidos transmiten unha certa harmonía e equilibrio. A pesares disto, o estilo dos textos é do máis variábel, tanto cuantitativa como cualitativamente e, dentro deste derradeiro aspecto, non só na súa forma, senón tamén no seu fondo. Isto compróbase especialmente no esaxerado contraste que existe entre o artigo sobre d. Fernando Palacios e o resto das entradas, que dá pé a pensar que foi copiado literalmente dalgún outro lugar.

En canto á escrita, poden apreciarse incorreccións ortográficas e gramaticais como un mal emprego das maiúsculas e as minúsculas, incoherencias semánticas (frases sen sentido), a redacción de oracións inconclusas ou varios erros de puntuación. Por riba, inclúese unha expresión ofensiva cara un dos alumnos, xa que nunha das fotografías se lle puxo a un dos nenos un bocadillo coa expresión: «Soy tonto».

En relación co anterior, debe tamén facerse referencia á actitude contraditoria do autor con respecto á propiedade intelectual, xa que toma as oportunas precaucións para non violar os dereitos de imaxe reservados que unha parte do alumnado semella ter (sitúa uns corazóns sobre algúns dos rostros de alumnado nas fotografías da biblioteca), pero por outra banda non dubida en copiar o mencionado texto (se é que o fixo) e en enlazar un vídeo sen citar as súas fontes de orixe, publicando tódolos artigos baixo o seu nome. Non obstante, os apelidos xamais os menciona, e tampouco o fai no seu perfil, onde si se molesta en aportar datos aparentemente irrelevantes como o seu horóscopo ou o ano zodiacal chino no que naceu.

A publicación de novos artigos é moi esporádica, cunha periodicidade dunha ou dúas entradas por mes.

Polo de agora, non se rexistrou comentario algún aos seus artigos (como, por outra banda, semella totalmente lóxico, a xulgar pola súa calidade). En consecuencia, corrobórase unha ausencia total de retroalimentación que permita ao autor mellorar a súa práctica, como semellaba pretenderse segundo o exposto no subtítulo.

Navegar polo blog non é demasiado complexo, aínda que tampouco intuitivo, debido á ausencia esporádica de encabezamentos nos artigos e á carencia total de palabras clave para a súa clasificación e organización en categorías. Por conseguinte, a relación entre os elementos que conforman o blog é practicamente nula, debido ao escaso emprego de hiperenlaces, a non ser para a formación nun arquivo por datas, de carácter bastante xenérico (agrupación mensual de entradas). En consecuencia, a busca de artigos pasados faise longa e pesada (e farase tanto máis cantos máis vaia introducindo co paso do tempo). Non existe nel enlace algún a outros blogs ou páxinas web.

En conclusión, o balance global do blog que aquí nos incumbe e bastante negativo. A pesares disto, poden perdoárselle a maioría dos seus erros tendo en conta que aínda comezou fai pouco a traballar con esta ferramenta (polo menos, no presente blog). Non obstante, debería pórse ao día canto antes se quere sacar algo en limpo de ter un blog propio e, ao mesmo tempo, sacar un maior partido ao tempo que lle dedica (aínda que, a xulgar pola periodicidade das entradas, tampouco semella ser demasiado).

14.5.08

«Blogs»: exemplificacións (1/2)

http://bibliotecaceipvistaalegre-burela.blogspot.com/ [Consulta: 23 de abril de 2008].

O blog académico A biblioteca de Libruxa. Biblioteca escolar do CEIP Vista Alegre de Burela ten como obxectivo dar a coñecer o labor educativo que se leva a cabo desde a biblioteca deste centro escolar da Mariña Luguesa.

No que respecta aos motivos que levaron á súa creación, debido a que están expresados só de forma tácita e imprecisa a través da cabeceira e do contido dos artigos, deduzo que entre eles se atopan as recentes demandas lexislativas de elaboración dun Plan Lector e un Plan TIC no marco da Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación (BOE de 4 de maio). Deste xeito, o blog adquire un significado engadido como instrumento de canalización de tales prescricións legais, ademais de responder á necesidade sentida de abrirse ao mundo e intercambiar experiencias con outras bibliotecas escolares. Asemade, constitúe un excelente mecanismo para demostrar ao resto da comunidade educativa e demais interesados que realmente están levando a cabo a dinamización desta dependencia dun xeito comprometido e responsábel.

En definitiva, sexan cales foran as causas que levaron á creación deste blog, o que está claro é que o/s autor/es foron solventes á hora de darlles resposta.

A autoría do blog constitúe un dos seus atractivos, xa que ningún artigo está firmado, e o perfil do autor do blog correspóndese coa mascota da biblioteca, Libruxa, unha bruxa de xoguete. A pesares disto, a través dos comentarios de parabéns a un dos artigos pódese deducir que detrás del están d. ª Belinda Blanco Fernández, responsábel da biblioteca escolar, e d. ª Gema Cillero García, directora do centro (información completada a través do Proxecto de dinamización e de animación á lectura que nese mesmo artigo se anexa, e da páxina web do centro).

Os contidos dos seus diferentes artigos constitúen mostras puntuais periódicas das iniciativas, máis aló do préstamo bibliotecario, desenvolvidas por esta biblioteca escolar coa intención de animar á lectura e facer desta dependencia un punto neurálxico no día a día do centro.

Todos estes artigos son substanciais, concisos e atraentes, posúen unha corrección gramática e ortográfica aceptábel, e están encabezados por uns títulos acertados e abondo descritivos.

A súa temática en ningún caso é ofensiva, senón todo o contrario. De feito, organízanse arredor dos seguintes centros de interese: deixar constancia das iniciativas desenvolvidas desde a biblioteca, a xeito de Memoria de Actividades, e sensibilizar explicitamente cara valores sociais como a paz, a igualdade de xénero ou os dereitos humanos, que seguramente se traballaron na biblioteca de xeito presencial.

A periodicidade de publicación segue unha media duns dous artigos semanais. Trátase dunha edición constante, mais non regular, xa que se poden atopar semanas sen actualización e outras con até catro ou cinco novos artigos, segundo o calendario dea máis ou menos pé (Nadal, Día Internacional da Paz, Día Internacional da Muller Traballadora).

Os abundantes elementos icónicos que acompañan, apoian e incluso chegan a constituír o corpo dos artigos, axudan a inferir cunha breve ollada o tipo de blog ante o que nos atopamos: un blog académico de intercambio de experiencias entre docentes. A pesares disto, chega a abusarse en ocasións do seu emprego, deixando de ser esteticamente agradábeis para dar sensación de saturación e inconexión. Así mesmo, o seu deseño resulta ás veces un tanto cándido e inxenuo, tendo en conta que está destinada a un público adulto, pese a que os protagonistas das súas experiencias sexan nenos/as.

Aparte destas fotografías e vídeos, detéctanse tamén outros elementos paratextuais coma a tipografía, o fondo, a combinación de cores ou a estruturación espacial, que axudan a crear unha sensación de orde e claridade á hora de navegar polo blog, ademais de outorgarlle un carácter de unidade.

Tal navegación, sinxela e intuitiva, está baseada no hipervínculo como eixo coherente e eficaz para a organización e interrelación dos contidos. Con tal finalidade, dispuxéronse dous arquivos de entradas pasadas, un por datas e outro por temáticas. Para este derradeiro, dotouse a cada entrada de varias palabras clave, sempre intelixíbeis, significativas e que se relaciona co seu contido de xeito evidente.

Grazas a este sistema, calquera visitante ten acceso a aqueles contidos do blog que lle interesan optimizando o seu tempo de busca e coa garantía que non deixa ningunha información valiosa no tinteiro por non ser quen de dar con ela.

Asemade, hai un número abundante de enlaces relevantes e fiábeis na parte inferior dereita da páxina, que constitúen unha importante fonte de recursos educativos.

No que respecta á propiedade intelectual, esta é respectada en termos xerais, xa que se soen citar as fontes e os autores, tanto dos textos redactados en colaboración (comunidade Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas), como das imaxes alleas e os vídeos inseridos ou vinculados.

En teoría, os lectores do presente blog deberían verse atraídos por el grazas á iniciativa en si sobre a que se sustenta, e que eu, como tal, expresei xa no primeiro parágrafo do presente comentario. Non obstante, e aínda que non se coñece a cantidade de persoas que o visitan, o que si está claro é que o apartado dos comentarios é un dos seus aspectos menos logrados. De feito, dos dez e oito artigos que contén en total, só dous deles foron comentados: un que contén os proxectos desenvolvidos pola biblioteca en anos académicos anteriores e outro no que se anuncia a visita do ilustrador Anxo Fariña. No primeiro caso, rexistráronse cinco comentarios de usuarios presumibelmente pertencentes á comunidade Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas. No segundo, só respondeu á entrada o propio autor. Ademais, ditos comentarios non foron contestados, polo que a sensación de comunidade virtual acadada é practicamente nula.

Para rematar, cómpre realizar unha valoración xenérica do blog a raíz da análise aquí exposta.

Así, en termos xerais, pode considerarse como un blog sólido e interesante, do que se prevé e se desexa que teña permanencia continuada no tempo, xa que iso implica necesariamente que se faga eco de novas e frutíferas iniciativas de fomento da lectura entre o alumando e de dinamización da biblioteca escolar do centro, en consonancia cos seus obxectivos.

Non obstante, tamén se detecta que, para seguir mellorando o seu funcionamento, debería traballar máis o aspecto dos comentarios, tratando de configurar un pequeno grupo de visitantes habituais cos que se compartan intereses, aos que tamén se fagan visitas e en cuxos blogs se realicen igualmente contribucións. É dicir, que se debería tratar de dar un paso máis aló e crear unha comunidade de aprendizaxe virtual en cuxo seo construír un coñecemento compartido sobre a temática que aquí nos incumbe.

13.5.08

«Blogs»: comparación cunha páxina «web» tradicional

Agora, unha vez que temos certa idea do que é un blog, só resta abordar en que se semellan e en que difiren das páxinas web, a outra grande ferramenta da Rede. Con isto, poderemos disipar calquera dúbida que nos poida xurdir á hora de valorar, cando naveguemos por Internet, se nos atopamos ante unha ou outra modalidade.

Para establecer as semellanzas e diferenzas entre un blog e unha páxina web, é preciso en primeiro lugar aclarar o que entendemos por páxina web (posto que anteriormente xa o fixemos co termo blog).

Segundo o Diccionario de la Real Academia Española (2001), denomínase ‘páxina web’ a aquel «documento de la Red, al que se accede mediante enlaces de hipertexto».

Non obstante, posto que esta definición resulta a todas luces incompleta por ser concisa de máis, vémonos obrigados a recorrer a outro instrumento de consulta da mesma autoría para saír de dúbidas, o Diccionario Panhispánico de Dudas (2005), no que se di:

«La expresión página web, […] significa […] ‘conjunto de páginas conexas pertenecientes a una entidad o referidas a un mismo tema, al que se accede mediante una dirección electrónica’ […]. Pueden emplearse en su lugar, y son más recomendables, las denominaciones página electrónica y ciberpágina […] Se emplea también la expresión sitio web, traducción del inglés web site […]. Se recomienda emplear, en su lugar, las expresiones sitio electrónico o cibersitio; también, si se refiere a una empresa o institución, sede electrónica o cibersede. Cuando este adjetivo se sustantiva, puede usarse en ambos géneros; en femenino (la web), si se sobrentiende el sustantivo femenino página […]; en masculino (el web), si se sobrentiende el sustantivo masculino sitio […].»

Unha vez que xa sabemos empregar con total propiedade este termo, é o momento de afondar naqueles elementos que comparten e naqueles outros nos que difiren os blogs e as páxinas web:

Con respecto aos aspectos que comparten, atopamos unhas poucas similitudes bastante evidentes, como poden selo que ámbolos dous se atopan en Internet empregando un enderezo electrónico, que precisan de alguén (que tanto pode ser un só individuo como unha organización ou unha comunidade) para crealos e mantelos, e que os dous conteñen información, enlaces, categorías, imaxes e outros elementos multimedia (http://www.articlegarden.com/es/Article/Blogs-vs--Websites--What-s-The-Big-Difference-/17785).

En contraposición, atopamos unhas cantas diferenzas entre ámbolos dous.

A primeira delas consiste na sinxeleza e rapidez que leva consigo a creación dun novo blog e a publicación de artigos nel (Ortiz de Zárate, 2008, 22). Esta facilidade contrasta cos elevados coñecementos técnicos que son imprescindíbeis para pór en marcha e manter unha páxina web, así como a grande cantidade de tempo que é preciso inverter en tal tarefa.

A inversión económica –mínima ou, na maioría dos casos, nula– que require a posesión dun blog (Ortiz de Zárate, 2008, 22) difire tamén das habituais taxas que debemos aboar por ter un dominio de fácil lembranza en Internet.

Outra diferenza reside en que, nos blogs, acostuma a revelarse a identidade do/a seu/súa autor/a ou autores/as, que é/son o/s que se encarga/n de escribir os artigos (http://es.wikipedia.org/wiki/Blog), mentres que nas páxinas web o habitual é que a/s persoa/s que está/n detrás permaneza/n no anonimato.

Por outra banda, os blogs son actualizados constantemente (Ortiz de Zárate, 2008, 22), mentres que nas páxinas web non sucede isto. De feito, cando estas son actualizadas, acostuma a alterarse a páxina enteira e, ademais, cando isto sucede, a información que dela se quita xa non pode ser recuperada polos lectores. Isto non é así no caso do blog, no cal, a medida que se van introducindo novas entradas, as antigas son arquivadas, pero aínda así seguen sendo accesíbeis desde esa mesma páxina do blog a través de índices diversos (http://www.articlegarden.com/es/Article/Blogs-vs--Websites--What-s-The-Big-Difference-/17785).

Derivado da oposición anterior, podemos observar que, no blog, o visitante soe atopar algo novo en cada visita (Ortiz de Zárate, 2008, 22), mentres que as páxinas web soen conter información sobre algo que non cambia a cotío (http://www.articlegarden.com/es/Article/Blogs-vs--Websites--What-s-The-Big-Difference-/17785).

Non obstante, tampouco debemos agardar dos blogs deseños moi complexos ou grandes sorpresas visuais, xa que neles «no es el envoltorio lo que cuenta, sino el relleno» (Ortiz de Zárate, 2008, 22). Isto é así porque se trata basicamente dun editor de contidos, mentres que as páxinas web traballan máis os aspectos visuais e de deseño.

Pero, malia todo, os contidos publicados nos blogs non se limitan aos textos e tenden a ser cada vez máis multimedia, grazas á sinxeleza que implica inserir nos artigos fotografías, arquivos de son, vídeos, presentacións de diapositivas ou calquera outro contido dixital (Ortiz de Zárate, 2008, 22).

A pesares disto, a estruturación dun blog baséase na organización cronoloxicamente inversa dos seus artigos, isto é, que neles se sitúa en primeiro lugar o derradeiro artigo publicado e, a partires deste, progresivamente van aparecendo os máis e máis antigos (Ortiz de Zárate, 2008, 22). Pola contra, a información das páxinas web está polo xeral exposta en zonas visuais, sen prestar atención á súa data de publicación.

Para rematar, cómpre sinalar que outro aspecto importante dos blogs é a súa interactividade, especialmente en comparación coa páxinas web tradicionais. De feito, dado que se actualizan frecuentemente e permiten aos visitantes comentar os artigos, funcionan como ferramentas sociais que permiten contactar con outras persoas coas que se comparten intereses, co cal chegan a ser considerados como unha comunidade (http://es.wikipedia.org/wiki/Blog). Así, mentres que os blogs se empregan para a comunicación, a función principal das páxinas web é, pola contra, a de proporcionar certa clase de información aos seus visitantes e, aínda que pode contar cun apartado dedicado a deixar comentarios ou un enderezo electrónico para escribir ao/á seu/súa autor/ao u autores/as, non é esa a finalidade para a que son creadas (http://www.articlegarden.com/es/Article/Blogs-vs--Websites--What-s-The-Big-Difference-/17785).

Estas diferenzas básicas entre un blog e una páxina web tradicional poden quedar sintetizadas na seguinte táboa, extraída de Ortiz de Zárate (2008, 23), aínda que modificada:


Blog


Páxina web


Moi fácil de editar


Editada por un experto (webmaster)


O custo é cero ou marxinal


Implica un custo de mantemento


Coñécese o/a autor/a ou autores/as


Prevalece o anonimato


Actualízase con moita frecuencia


Os contidos tenden a ser permanentes


Abráianos cada día


Permanece relativamente estábel


Privilexia o contido


Privilexia o aspecto visual, o deseño


Estrutúrase por orde cronolóxica


Estrutúrase en áreas visuais


Permite a participación vía comentarios


A participación está moi limitada



Pois ben, até aquí chegou esta introdución teórica ao que os blogs son e ao que hogano significan na nosa sociedade. É boa hora de pór en práctica tales coñecementos mediante a exploración da Rede á procura de blogs sobre o noso eido de interese; é dicir, o ensino en xeral, e a Educación Musical en particular.

12.5.08

«Blogs»: posibilidades no eido escolar

Tendo en conta as características dos blogs anteriormente expostas, pódese botar man desta ferramenta para desenvolver procesos de ensino e aprendizaxe como ( http://web.educastur.princast.es/proyectos/cuate/eblog/blogs_y_educacion.pdf ):



- Blog dunha aula, dunha materia ou dun tema: ás veces consiste simplemente nunha páxina persoal do docente, pero tamén pode ser un complemento ás clases presenciais, incluíndo información adicional e propostas de actividades complementarias (para cuxa realización se botaría man dos recursos que ofrecen os blogs tales como a escritura hipertextual, os soportes multimedia, os comentarios ou a proposición de enlaces relacionados), e aproveitando a interactividade do medio. A través desta modalidade conseguiría ampliarse o contexto presencial da aula, diversificando deste xeito o espazo habitual de traballo do alumnado (que podería acceder aos contidos desde a súa casa, unha biblioteca ou calquera outro lugar cun ordenador e acceso a Internet). É quizabes o tipo de blog máis empregado no eido educativo.

- Blog persoal do alumnado: estruturaríase a modo dun diario persoal, onde cada alumno iría escribindo sobre as súas inquietudes e intereses, aínda que sempre desde unha actitude de respecto cara as demais persoas (etiqueta) e cara a propiedade intelectual (cita dos recursos empregados). Asemade, o alumnado tamén participaría nos blogs dos seus compañeiros deixando comentarios con contribucións persoais e propostas.

- Blog como publicación electrónica multimedia: consistiría nun xornal escolar, unha revista dixital, un compendio de monografías sobre diversos temas, etc. Desde esta perspectiva, aproveitaríase a potencia e a sinxeleza dos blogs para a xestión de arquivos multimedia propios ou vinculados, podendo conseguir non obstante uns resultados de edición sorprendentes; así como as posibilidades de participación que ofrecen, e que permiten enriquecer os seus contidos con contribucións e comentarios doutros usuarios, coa sindicación mediante RSS ou coa utilización dos podcasts, entre outras moitas posibilidades.

- Blog como guía de navegación: este tipo de blog empregaríase para comentar páxinas web de interese e noticias, así como para realizar contribucións en forma de crítica ou de comentario. Neste caso, faríase unha alusión directa á metáfora do caderno de bitácora ou de viaxes, xa que se constituiría como un espazo no cal os propios navegantes anotarían as incidencias e detalles da súa navegación, aconsellando, propondo e presentando aos seus compañeiros as páxinas web fosen visitado e súa opinión persoal sobre elas.

9.5.08

«Blogs»: características

Parafraseando a http://web.educastur.princast.es/proyectos/cuate/eblog/blogs_y_educacion.pdf, podemos establecer as seguintes características:

- Contido hipertextual e multimedia. Os xestores de blogs admiten todo tipo de arquivos multimedia (textos, imaxes, arquivos de son, vídeos, animacións flash, etc.), e permiten enlaces a documentos ou a outros sitios web.

- Fácil utilización, independizando o contido do deseño e os axustes técnicos. A través de asistentes, plataformas online de xestión e patróns predeseñados, simplifícase arreo o proceso de creación de materiais. Isto facilita que os usuarios concentren os seus esforzos no contido, sen necesidade de instalar ningún programa nin de ter coñecementos avanzados de edición HTML. Incluso poden enviar contidos vía correo electrónico ou mensaxes curtas a móbiles, o cal abre as portas unha aínda maior mobilidade dos usuarios.

- Organización cronolóxica e temática da información. Tódolos contidos están organizados por orde cronolóxica e temática, e son accesíbeis mediante índices temáticos, un calendario ou un buscador. Ademais, cada artigo que se publica xera un enlace permanente (permalink), que pode ser citado directamente desde outros blogs ou sitios web. Os enlaces externos ou blogroll tamén están organizados por temas, e contribúen a crear unha rede de sitios afíns, un hábitat dentro do ecosistema ou blogosfera.

- Intercambio de ideas, definido pola participación e as contribucións dos usuarios mediante comentarios aos distintos artigos e contidos, fomentando o debate, a discusión e o emprego responsábel do ciberespacio, mais observando sempre a debida etiqueta.
Esta afirmación vese complementada polo seguinte (http://es.wikipedia.org/wiki/Blog): «es necesario precisar que esta es una opción que depende de la decisión que tome al respecto el autor del blog, pues las herramientas permiten diseñar blogs en los cuales no todos los internautas –o incluso ninguno– puedan participar.»

Non obstante, Ortiz de Zárate (2008) comenta que «muchos blogueros consideran que un blog sin comentarios no es un blog».


- Distintos niveis no papel desempeñado polo usuario, o que fai posíbel a xestión compartida dun blog. Isto, unido á posibilidade de acceso desde calquera lugar e a calquera hora, abre grandes posibilidades de traballo en colaboración transcendendo o espazo xeográfico. Calquera persoa en calquera momento e lugar pode colaborar en calquera blog.

- Sindicación de contidos mediante RSS. Este foi un dos motores da enorme difusión dos blogs, e incluso chegou a cambiar o xeito de acceder á información. O emprego dos lectores e agregadores de feeds ou noticias RSS permite coñecer os derradeiros contidos publicados naqueles sitios que nos interesan, sen necesidade sequera de abrir o navegador.

- Relación con outras aplicacións na Rede. Máis arriba apuntábase xa que os blogs forman parte dun hábitat, un ecosistema da Rede, cuns usos e costumes relacionados entre si. Así, por exemplo, os blogs multiplican o seu potencial unidos a outras aplicacións y servizos ao engadir contidos multimedia, marcadores sociais ou etiquetas (tags), que son lidas e indexadas por outras aplicacións.