29.5.08

«WebQuest»: exemplificacións (2/2)

http://www.personal.psu.edu/faculty/j/x/jxz8/Student_Webquests/Oswald/WebFiles/webqu.html [Consulta: 17 de maio de 2008].

No tocante á estética xeral da presente WebQuest, debe sinalarse que a súa aparencia xeral é un tanto pobre, xa que o seu deseño (tipografía e fondo) é un tanto monótono e os gráficos son escasos, de baixa calidade e ás veces non se sabe moi ben que función cumpren, é dicir, que non contribúen á comprensión de conceptos e ideas ou ao establecemento de relacións entre eles.

Non obstante, a fluidez de navegación por ela é máxima, xa que se desenvolveu practicamente nunha soa páxina web (a non ser a carta do alcalde, os criterios de avaliación e os enlaces externos) e, polo tanto, apenas hai posibilidade de perderse.

Finalmente, no que aos aspectos técnicos se refire, só se detectou un enlace que non funciona (o primeiro), estando o resto dos elementos básicos da WebQuest (imaxes, táboas, corrección ortográfica e gramatical) en perfectas condicións.

No que respecta á introdución, esta presenta ao alumnado un tema relacionado cos seus intereses (axudar ao alcalde a construír un parque temático sobre os distintos xéneros musicais) e describe de xeito orixinal o problema que debe resolverse (presentando unha carta que o alcalde supostamente enviou ao docente en cuestión pedíndolle a axuda do seu alumnado). Dita introdución fai referencia aos coñecementos previos sobre xéneros musicais que o alumnado debe posuír para poder enfrontarse con eficacia á resolución do problema proposto, así como a aqueles outros que deberá adquirir para tal fin.

En relación coa tarefa, esta está en relación coas prescricións legais curriculares da materia (afondamento nos distintos xéneros musicais e as súas culturas de orixe) e expón claramente que debe saber e que debe facer o alumnado para acadar os obxectivos propostos para tal actividade.

Ademais, dita tarefa require unha elaboración persoal da información obtida a través de múltiples fontes de información para a elaboración dun produto creativo con ela (que será distinto segundo o rol asignado a cada membro do grupo).

O proceso que o alumnado debe seguir para a consecución da tarefa está explicado paso por paso, de xeito que o alumnado saberá perfectamente en que momento do proceso se atopan e que terán que facer a continuación.

Os distintos pasos nel propostos permiten que todo o alumnado adquira os coñecementos precisos e acade os obxectivos propostos, independentemente de que partan de distintos niveis de coñecemento sobre o tema. Asemade, as actividades están claramente deseñadas e secuenciadas para guiar ao alumnado duns coñecementos básicos sobre a materia a un maior afondamento nesta.

Finalmente, os roles que os distintos membros de cada grupo deben adoptar están claramente indicados, de xeito que cada un dos integrantes asuma distintas responsabilidades para a consecución dunha tarefa común.

O apartado dedicado aos recursos é abondo completo e as ferramentas nel propostas son adecuadas e significativas para a obtención da información precisa durante a resolución das tarefas asignadas a cada un.

Asemade, os enlaces a páxinas web conducen a información fiábel e interesante que non se podería atopar a través dos outros medios propostos (un vídeo e varios programas informáticos en formato CD-ROM de contido educativo, relacionados coa materia) e que axudará ao alumnado a reflexionar sobre a materia que en cada caso estean a traballar.

E no que á avaliación respecta, os seus criterios están claramente definidos mediante descritores cuantitativos e cualitativos que miden claramente que deben saber os alumnos e que deben facer para responder con éxito a tarefa, a pesares de non estar expresados en forma de rúbrica.

No hay comentarios: