Víctor, un compañeiro da Facultade, e mais eu estamos a preparar unha Unidade Didáctica sobre "A percusión non convencional" para a materia de Novas Tecnoloxías Aplicadas á Educación.
Nesta Unidade Didáctica, organizamos os contidos en distintas categorías dentro do que é a percusión non convencional. E, nesta clasificación, incluímos un apartado dedicado ás Modalidades mixtas, é dicir, aquelas que combinan distintos tipos de percusión non convencional entre si e incluso con outros instrumentos.
O vídeo que inclúo neste artigo responde a unha exemplificación desta derradeira categoría que incluímos na Unidade, xa que combina a Percusión con obxectos cotiáns (vasos, mesa), a Percusión corporal (palmas, pé) e a Voz. Está feito polos dous, isto é, por Víctor e mais por min. Puxémoslle de título "Os MúsTICos", por iso de fusionar a música coas TIC.
A peza que canto nel, "Miña nai, miña naiciña", gústame especialmente. De feito, ten outras estrofas igual de tenras, pero das que decidimos prescindir por non ser útiles para finalidade do vídeo:
Miña nai era pobriña,
non tiña pan pra me dare.
Enchiume a cara e bicos
e rabentou a chorare.
E rabentou a chorare,
ai e le...
E díxome miña nai:
- Que che pasa, miña nena?
- Dáme un biquiño, mamai,
que se non, morro de pena!
Que se non, morro de pena,
ai e le...
A idea foi recollida dunha das actividades nas que eu tiven a sorte de participar con d. Juan Parga Cervelo, un mestre de Educación Musical que se encargou de impartir un curso de verán chamado "O noso folklore musical no ensino da música" organizado pola Asociación educativa Musicrearte en xullo do ano pasado. Esta Asociación partiu da iniciativa de varios profesores do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal da miña Facultade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario