27.5.08

«WebQuest»: tipos

Existen dous tipos principais de WebQuest (Dodge, 1995, Muñoz de la Peña, b, en liña, e http://es.wikipedia.org/wiki/WebQuest ):

- WebQuest a curto prazo: desenvólvense entre unha e tres sesións de clase e nelas o alumnado debe enfrontarse cunha cantidade significativa de nova información á que debe dar sentido e extraer significados, para a adquisición e integración de coñecemento sobre un determinado contido pertencente a unha (ou varias) materia/s.

- WebQuest a longo prazo: precisan entre unha semana e un mes de clase para a súa consecución e require a realización de tarefas cualitativa e cuantitativamente maiores, baseadas no afondamento e a mellora duns determinados coñecementos. Para iso, o alumnado debe analizar en profundidade un conxunto de información, transformala dalgún xeito e demostrar a comprensión de tal material a través dalgún produto que amose tal adquisición.

Ademais, como moi ben explica a páxina web Eduteka (2002), existe tamén unha variante do primeiro tipo de WebQuest denominada MiniQuest, que xurdiu como resposta ás limitacións temporais e ás dificultades prácticas existentes á hora de deseñar, producir e pór en práctica WebQuest.
Unha MiniQuest consiste nunha versión reducida dunha WebQuest pensada para ser enteiramente desenvolvida no tempo que dura unha ou, como moito, dúas sesións de clase. Grazas a isto, a súa inserción na secuencia curricular dun curso é moito máis sinxela que no caso dunha WebQuest.

Ao tratarse dunha modalidade simplificada de WebQuest, a MiniQuest conta só con tres pasos, a saber: escenario (suposto contexto real no que se enmarca a actividade proposta e asignación ao alumnado de roles que desempeñan os adultos na vida real para motivalo e involucralo no problema proposto. Ademais, nel formúlase a «pregunta esencial» á que deben dar resposta co desenvolvemento da actividade), tarefa (relación de preguntas concretas e páxinas web específicas deseñada para que o alumnado adquira aquela información obxectiva e real precisa para responder a «pregunta esencial» optimizando o aproveitamento do tempo dispoñíbel) e produto (descrición do produto que o alumnado debe realizar para responder á «pregunta esencial» e demostrar que comprendeu a información recompilada. Dito produto debe ser ademais real e reflectir adecuadamente o rol asignado a cada estudante no escenario).

Asemade, debido á súa simplicidade, as MiniQuest requiren de moito menos tempo que as WebQuest para a súa creación. Por iso, son preferentemente empregadas por docentes que dispoñen de pouco tempo para preparar as súas clases e tamén por aqueles outros que se están a iniciar no uso das TIC no eido escolar como medio de apoio aos procesos de ensino e aprendizaxe.

Segundo o lugar que ocupen dentro dunha Unidade Didáctica, as MiniQuest clasifícanse á súa vez en: MiniQuest de descubrimento (deseñadas para presentar una nova Unidade e aumentar a motivación e interese do alumnado cara ela, polo que se desenvolven ao seu comezo), MiniQuest de exploración (dirixidas a aprender os contidos necesarios para comprender un concepto en particular ou cumprir cun obxectivo curricular determinado, polo que se realizan no transcurso da Unidade) e MiniQuest de culminación (ao remate da Unidade, con esta MiniQuest o alumnado debe botar man dos coñecementos con ela adquiridos para contestar a unha «pregunta esencial», é dicir, aquela que require unha toma de decisións ou o desenvolvemento dun plan de acción para darlle resposta).

Finalmente, cómpre sinalar que non se deben confundir as WebQuest coas chamadas «cazas do tesouro» (do inglés ‘Treasure Hunt’, ‘Scavenger Hunt’ ou ‘Knowledge Hunt’), nas que simplemente se propoñen unha serie de preguntas que o alumnado debe contestar visitando unha serie de enlaces propostos e, en ocasións, unha pregunta final de carácter máis xeral onde se demostren os coñecementos adquiridos. Unha WebQuest ten por conditio sine qua non para ser considerada como tal o feito de inducir procesos de busca e procesamento de información, así como tamén de creación de producións propias a partires dos coñecementos adquiridos. (Adell, 2004, http://es.wikipedia.org/wiki/WebQuest e Muñoz de la Peña e Valero, en liña).

No hay comentarios: