28.5.08

«WebQuest»: exemplificacións (1/2)

Seguindo os criterios de avaliación de WebQuest establecidos por Muñoz de la Peña (a) [en liña] e por Dodge (2001), pódese dicir o seguinte dos seguintes exemplos seleccionados.

http://www.bioxeo.com/Hello_Dolly/ga/index.htm [Consulta: 17 de maio de 2008].

Darase comezo ao comentario de «Ola Dolly. Unha WebQuest» facendo referencia á súa estética xeral. Así, no que respecta aos seus elementos gráficos, estes son apropiados e temáticos, polo cal permiten facer conexións visuais que reforzan os contidos textuais. Por outra banda, o fondo e a tipografía son empregados nela de xeito coherente e eficaz.

A fluidez de navegación, non obstante, dista de ser óptima, xa que o seu menú non está claro e os distintos enlaces internos condúcennos con frecuencia a calellas sen saída ou a partes da WebQuest que non están traducidas ao galego (xa que orixinalmente este recurso foi elaborado en inglés e máis tarde foi traducido ao español, do cal se fixo unha sobretraducción ao galego).

En canto aos seus aspectos técnicos, estes son admirábeis, xa que a páxina semella feita por profesionais da informática máis que por profesionais do ensino. Non obstante, existen certos problemas ademais dos anteriormente comentados, como son a exisntencia dun bo número de enlaces externos fallidos (por outra banda, algo lóxico, xa que a WebQuest leva desde o ano 2001 sen actualizar), de imaxes desaparecidas, de erros ortográficos e gramaticais derivados dunha dubidosa tradución ao galego e mais de elementos interactivos un tanto desorientadores (por exemplo, os hipervínculos desaparecen unha vez visitados, probablemente porque a súa cor tipográfica branca se funde coa cor de fondo).

No que á introdución respecta, esta introduce ao alumnado no tema que se vai abordar para así suscitar o seu interese por el, pero en ningún caso presenta un problema que deba resolverse ou unhas preguntas que deban contestarse. Neste sentido, é puramente formal.

Pode observarse como, a través da información presentada e dos distintos enlaces cos que conta, pretende á súa vez pór de manifesto aqueles coñecementos previos que o alumnado posúa en relación co elemento central da actividade, é dicir, a clonación.

A continuación, o apartado da tarefa propón unha «pregunta esencial» (das que anteriormente se falou) sobre un tema controvertido, como é: «¿Qué política gubernamental ten que se establecer para regular a clonación?» Ademais, realízase unha contextualización real da cuestión a través dun texto legal para outorgar unha maior verosimilitude á actividade, e explícanse as habilidades cognitivas que o alumnado debe desenvolver durante o proceso para poder ser avaliado positivamente. A pesares de que o tema en si da WebQuest non está claramente incluído no currículo oficial, o xeito de traballalo exercita unha serie de habilidades e procedementos sobre os que a lexislación vixente si fai abondo fincapé.

Debido a que a información que mediante os enlaces se facilita provén de fontes moi diversas e, nalgúns casos, con opinións enfrontadas sobre a cuestión, a tarefa obriga ao alumnado a asimilar os datos recompilados e, a partir deles, adoptar unha posición propia, desde a cal elaborar un produto final.

O proceso está claramente explicado, reducindo ao mínimo a posibilidade de que o alumnado perda de vista a meta do traballo ou chegue a calellas sen saída das que non saiba como saír.

Propóñense distintos roles para adoptar, de xeito que cada quen pode adoptar aquel que mellor se adapte ao seu nivel cognitivo de entrada. Non obstante, tódolos membros do grupo deben acadar ao remate do proceso aqueles coñecementos necesarios para rematar con éxito a tarefa.

A progresión desde uns coñecementos superficiais sobre a cuestión até un dominio profundo do tema está amplamente conseguida nesta WebQuest, logrando a maiores que non decaia o interese do alumnado sobre o tema con novas e interesantes formas de achegarse a el.

A cantidade de recursos proporcionados é enorme, todos eles accesíbeis a través de Internet e relacionados co tema central da actividade. Non obstante, son tantos que algúns deles deixan de aportar datos de interese e limítanse a repetir información xa presente noutros enlaces, aínda que con lixeiras variacións no seu tratamento.

Os enlaces soen provir de fontes fiábeis e aportar información significativa que estimule a reflexión do alumnado sobre a cuestión. Ademais, moitos deles levan a noticias de xornais dixitais, é dicir, que proporcionan unha información dispoñíbel noutros formatos, aínda que de máis difícil accesibilidade.

Finalmente, como criterio de avaliación inclúese un formulario de valoración da presentación oral que tanto o docente como o alumnado debe cubrir, realizando de si mesmo unha auto-avaliación. Deste xeito, os estudantes terán moi claros os elementos polos que serán avaliados e reflexionarán sobre o seu grao de cumprimento dun xeito responsábel, co obxectivo de que comprendan as razóns polas que o seu docente lles asigna unha determinada cualificación final.

No hay comentarios: