26.5.08

«WebQuest»: posibilidades no eido escolar

Segundo Roig (2007), o emprego de WebQuest nas aulas supón vantaxes como:

- Constitúen un xeito de utilizar didacticamente Internet, aspecto no que radica a súa novidade (xa que as actividades baseadas en proxectos ou de resolución de problemas existían xa nas escolas desde moito antes da popularización de Internet).

- Axudan a desenvolver todas aquelas competencias derivadas do emprego de Internet, xa que o alumnado debe navegar por el para a realización das actividades propostas.

- Céntranse no tratamento máis que na busca de información, grazas á selección de recursos e fontes de información que o docente debe realizar previamente.

- Promoven o traballo autónomo do alumnado. O docente só debe orientar o proceso de ensino e aprendizaxe, no canto de deseñalo ao redor de si mesmo e os coñecementos que posúe sobre a materia.

- Son relativamente sinxelas de planificar e de adaptar ás necesidades da aula para o docente.
March (1998, citado e Adell, 2004) propón outras tres razóns básicas polas que empregar as WebQuest nas aulas, a saber:

- Incrementan a motivación, o interese e a dedicación do alumnado, polo que os resultados por el obtidos son mellores. Ao basearse na presentación dunha tarefa propia do mundo real, interesante en si mesma, e para a cal se deben adoptar uns roles determinados, o alumnado síntese de inmediato interesado pola actividade. Ademais, o emprego de recursos reais dispoñíbeis a través de Internet e doutras fontes minimiza a súa sensación de estaren desenvolvendo un «xogo escolar», xa que non se trata de buscar respostas, senón de fabricalas colectivamente a partires da información recompilada. Finalmente, o docente debe intentar dar sentido e finalidade ao esforzo do seu alumnado dando a coñecer as súas producións máis aló do contexto escolar.

- Estimulan o desenvolvemento cognitivo. As WebQuest, como estratexias de corte claramente construtivista, suscitan procesos cognitivos superiores (adquirir, procesar e producir información) mediante o scaffolding (‘estadas cognitivas’) proporcionado coas instrucións e ferramentas facilitadas no apartado do proceso e mais a través do traballo en equipo con pares máis capaces, que contribúe a que o alumnado poida realizar tarefas que, de xeito individual, sería incapaz de facer. Esta idea está intimamente relacionada co concepto de Zona de Desenvolvemento Próximo presentado polo psicólogo bielorruso Lev Semiónovich Vygotski fai arredor dun século.

- Fomentan as aprendizaxes cooperativas. Nas WebQuest, cada membro do grupo ten asignado un rol específico, que asemade debe coordinar cos do resto dos integrantes para resolver conxuntamente a tarefa proposta e elaborar un produto final. Polo tanto, no desenvolvemento dunha WebQuest faise necesario o traballo de e a cooperación entre tódolos membros do grupo, o cal reforza indirectamente a autoestima dos estudantes e promove a cooperación e a colaboración entre los elos para resolver unha tarefa común.
E, finalmente, aínda que debería ser unha constante no noso sistema educativo e, polo tanto, non ser preciso indicalo como vantaxe específica destas ferramentas, cómpre indicar que tanto os blogs como as WebQuest son tamén un excelente mecanismo de alfabetización dixital dos escolares e de integración das TIC no eido educativo.

No hay comentarios: