http://juanfranmusica.blogia.com/ [Consulta: 25 de abril de 2008].
O blog académico de intercambio de experiencias entre docentes PercuSIoNOMúsicaHispanidad foi recentemente creado por Juanjo, un mestre especialista en Educación Musical do CP Hispanidad de Garrucha (Almería).
Tal clasificación do blog fíxose atendendo a que leva por subtítulo: «Blog informativo del quehacer diario del colegio público de infantil y primaria, especialidad de música», polo que se deduce que se trata dun blog no que este mestre escribe sobre o seu día a día como docente, aínda que non queda de todo claro debido á súa singular redacción. Asemade, nun primeiro golpe de vista pode tamén apreciarse no encabezamento do seu corpo unha páxina dun libro de texto de Educación Musical co título algo chocante «Flauta 1», que apoia tal encadre.
Por conseguinte, a principal razón que levou ao seu autor a crealo semella ser a necesidade de facer explícita a súa práctica docente cotiá mediante a formulación escrita das súas experiencias e impresións, para así facerse máis consciente dos procesos de ensino e aprendizaxe que desenvolve e reflexionar sobre eles, axudado ademais polos comentarios que outros profesionais do ensino poderían facer aos seus artigos.
Non obstante, a pesares desta declaración de intencións, o seu autor non foi quen de acadar tal propósito, como se poderá deducir do seguinte:
Os seus contidos non gardan relación algunha cos obxectivos formulados, xa que os seis artigos cos que até o de agora conta tratan sobre temáticas moi dispares, pero ningunha da unha resposta efectiva á temática para a cal se proxectou o blog. De feito, tales artigos consisten en:
- Entrada sen título na que se anuncia en tan só unha liña e media unha actividade musical para o Día Internacional da Paz, sen especificar nada máis sobre ela.
- Texto longo e pesado sobre os logros musicais e profesionais de d. Fernando Palacios con motivo do seu nomeamento como director de Radio Clásica.
- Videoclip dun grupo andaluz de música pop chamado El puchero del hortelano, dunha calidade musical cando menos cuestionábel.
- Entrada sen título que simplemente reza «Partitura», pero na que non hai nada máis que acompañe tal lema.
- Presentación de fotografías sobre unha actividade desenvolvida na biblioteca por outra mestra e o seu alumnado con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora.
- Entrada na que se anuncia nunha soa liña un método escolar en tres niveis para aprender a tocar a frauta doce, pero do que se esqueceu dar a referencia, anexar unha fotografía ou, cando menos, dar o título.
Polo tanto, trátase duns contidos inconexos, as máis das veces sen sentido, carentes de interese e que non responden de ningún xeito ás expectativas que a suposta audiencia do blog se creara a partires do subtítulo. Os seus encabezamentos (cando os hai) son pouco descritivos. Así mesmo, a relación coas imaxes que acompañan os artigos é ás veces incoherente, volvéndose estas insubstanciais e incluso contraditorias ao texto.
No tocante ao seu deseño, pódese dicir que as tipografías, a paleta de cores e o fondo elixidos transmiten unha certa harmonía e equilibrio. A pesares disto, o estilo dos textos é do máis variábel, tanto cuantitativa como cualitativamente e, dentro deste derradeiro aspecto, non só na súa forma, senón tamén no seu fondo. Isto compróbase especialmente no esaxerado contraste que existe entre o artigo sobre d. Fernando Palacios e o resto das entradas, que dá pé a pensar que foi copiado literalmente dalgún outro lugar.
En canto á escrita, poden apreciarse incorreccións ortográficas e gramaticais como un mal emprego das maiúsculas e as minúsculas, incoherencias semánticas (frases sen sentido), a redacción de oracións inconclusas ou varios erros de puntuación. Por riba, inclúese unha expresión ofensiva cara un dos alumnos, xa que nunha das fotografías se lle puxo a un dos nenos un bocadillo coa expresión: «Soy tonto».
En relación co anterior, debe tamén facerse referencia á actitude contraditoria do autor con respecto á propiedade intelectual, xa que toma as oportunas precaucións para non violar os dereitos de imaxe reservados que unha parte do alumnado semella ter (sitúa uns corazóns sobre algúns dos rostros de alumnado nas fotografías da biblioteca), pero por outra banda non dubida en copiar o mencionado texto (se é que o fixo) e en enlazar un vídeo sen citar as súas fontes de orixe, publicando tódolos artigos baixo o seu nome. Non obstante, os apelidos xamais os menciona, e tampouco o fai no seu perfil, onde si se molesta en aportar datos aparentemente irrelevantes como o seu horóscopo ou o ano zodiacal chino no que naceu.
A publicación de novos artigos é moi esporádica, cunha periodicidade dunha ou dúas entradas por mes.
Polo de agora, non se rexistrou comentario algún aos seus artigos (como, por outra banda, semella totalmente lóxico, a xulgar pola súa calidade). En consecuencia, corrobórase unha ausencia total de retroalimentación que permita ao autor mellorar a súa práctica, como semellaba pretenderse segundo o exposto no subtítulo.
Navegar polo blog non é demasiado complexo, aínda que tampouco intuitivo, debido á ausencia esporádica de encabezamentos nos artigos e á carencia total de palabras clave para a súa clasificación e organización en categorías. Por conseguinte, a relación entre os elementos que conforman o blog é practicamente nula, debido ao escaso emprego de hiperenlaces, a non ser para a formación nun arquivo por datas, de carácter bastante xenérico (agrupación mensual de entradas). En consecuencia, a busca de artigos pasados faise longa e pesada (e farase tanto máis cantos máis vaia introducindo co paso do tempo). Non existe nel enlace algún a outros blogs ou páxinas web.
En conclusión, o balance global do blog que aquí nos incumbe e bastante negativo. A pesares disto, poden perdoárselle a maioría dos seus erros tendo en conta que aínda comezou fai pouco a traballar con esta ferramenta (polo menos, no presente blog). Non obstante, debería pórse ao día canto antes se quere sacar algo en limpo de ter un blog propio e, ao mesmo tempo, sacar un maior partido ao tempo que lle dedica (aínda que, a xulgar pola periodicidade das entradas, tampouco semella ser demasiado).
No hay comentarios:
Publicar un comentario