23.5.08

«WebQuest»: características

Segundo Muñoz de la Peña (b) [en liña], as WebQuest contan coas seguintes características esenciais:

- Dotan aos docentes das ferramentas necesarias para usar as TIC desde unha perspectiva educativa, desenvolvendo as súas propias ideas en relación co tema que estean ensinando.

- Axuda aos docentes a planear e a estruturar os procesos de ensino e aprendizaxe dun xeito claro e creativo.

- Poden posuír elementos destinados a aumentar a motivación do alumnado cara elas como a asignación vía correo electrónico de roles simulados, aínda que presentes no mundo real (como por exemplo o de científico, o de detective ou o de reporteiro); ou a ambientación da actividade nunha situación e un escenario verosímiles (por exemplo: o secretario xeral da ONU pídelles que realicen un informe sobre a actual situación do Sahara).

- Poden aplicarse a un amplo rango de temas, aínda que onde son máis apropiadas é no tratamento de cuestións que non estean moi ben definidas, de tarefas que inviten á creatividade e de problemas con varias solucións posíbeis. Pola contra, non deben empregarse para ensinar temas cuxa información estea baseada en datos puntuais, incluso aínda que fose posible localizar páxinas web con ditos contidos (neste caso estariamos a falar máis ben dunha «caza do tesouro», da que máis adiante se falará).

- Poden estar deseñadas para abordar contidos pertencentes a única materia ou ben poden ser multidisciplinares.

- A través do procesamento da información obtida –principalmente a través de Internet–, potencian no alumnado o desenvolvemento de moitas das súas capacidades intelectuais, que serán nomeadas cando se fale dos aspectos curriculares no apartado sobre os compoñentes dunha WebQuest.

- Son actividades creadas fundamentalmente para que os alumnos traballen en grupo, aínda que tamén poidan deseñar para a realización dun traballo individual.

- O produto final elaborado polos alumnos pode ser transmitido e compartido, xerando con iso algo útil para outras persoas.

- O seu principal inconveniente para o docente é a cantidade de tempo que require o seu deseño. Con todo, é alentador pensar que, unha vez realizada, a maior parte do traballo está feito e o docente é relevado de ser a principal fonte de nova información na clase, co que poderá dedicarse a traballar cos estudantes adoptando un papel de guía na súa construción persoal do coñecemento. Ademais, poderá ser reutilizala varias veces, para o cal bastará simplemente con retocala para adaptala ao novo contexto.

No hay comentarios: