14.5.08

«Blogs»: exemplificacións (1/2)

http://bibliotecaceipvistaalegre-burela.blogspot.com/ [Consulta: 23 de abril de 2008].

O blog académico A biblioteca de Libruxa. Biblioteca escolar do CEIP Vista Alegre de Burela ten como obxectivo dar a coñecer o labor educativo que se leva a cabo desde a biblioteca deste centro escolar da Mariña Luguesa.

No que respecta aos motivos que levaron á súa creación, debido a que están expresados só de forma tácita e imprecisa a través da cabeceira e do contido dos artigos, deduzo que entre eles se atopan as recentes demandas lexislativas de elaboración dun Plan Lector e un Plan TIC no marco da Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación (BOE de 4 de maio). Deste xeito, o blog adquire un significado engadido como instrumento de canalización de tales prescricións legais, ademais de responder á necesidade sentida de abrirse ao mundo e intercambiar experiencias con outras bibliotecas escolares. Asemade, constitúe un excelente mecanismo para demostrar ao resto da comunidade educativa e demais interesados que realmente están levando a cabo a dinamización desta dependencia dun xeito comprometido e responsábel.

En definitiva, sexan cales foran as causas que levaron á creación deste blog, o que está claro é que o/s autor/es foron solventes á hora de darlles resposta.

A autoría do blog constitúe un dos seus atractivos, xa que ningún artigo está firmado, e o perfil do autor do blog correspóndese coa mascota da biblioteca, Libruxa, unha bruxa de xoguete. A pesares disto, a través dos comentarios de parabéns a un dos artigos pódese deducir que detrás del están d. ª Belinda Blanco Fernández, responsábel da biblioteca escolar, e d. ª Gema Cillero García, directora do centro (información completada a través do Proxecto de dinamización e de animación á lectura que nese mesmo artigo se anexa, e da páxina web do centro).

Os contidos dos seus diferentes artigos constitúen mostras puntuais periódicas das iniciativas, máis aló do préstamo bibliotecario, desenvolvidas por esta biblioteca escolar coa intención de animar á lectura e facer desta dependencia un punto neurálxico no día a día do centro.

Todos estes artigos son substanciais, concisos e atraentes, posúen unha corrección gramática e ortográfica aceptábel, e están encabezados por uns títulos acertados e abondo descritivos.

A súa temática en ningún caso é ofensiva, senón todo o contrario. De feito, organízanse arredor dos seguintes centros de interese: deixar constancia das iniciativas desenvolvidas desde a biblioteca, a xeito de Memoria de Actividades, e sensibilizar explicitamente cara valores sociais como a paz, a igualdade de xénero ou os dereitos humanos, que seguramente se traballaron na biblioteca de xeito presencial.

A periodicidade de publicación segue unha media duns dous artigos semanais. Trátase dunha edición constante, mais non regular, xa que se poden atopar semanas sen actualización e outras con até catro ou cinco novos artigos, segundo o calendario dea máis ou menos pé (Nadal, Día Internacional da Paz, Día Internacional da Muller Traballadora).

Os abundantes elementos icónicos que acompañan, apoian e incluso chegan a constituír o corpo dos artigos, axudan a inferir cunha breve ollada o tipo de blog ante o que nos atopamos: un blog académico de intercambio de experiencias entre docentes. A pesares disto, chega a abusarse en ocasións do seu emprego, deixando de ser esteticamente agradábeis para dar sensación de saturación e inconexión. Así mesmo, o seu deseño resulta ás veces un tanto cándido e inxenuo, tendo en conta que está destinada a un público adulto, pese a que os protagonistas das súas experiencias sexan nenos/as.

Aparte destas fotografías e vídeos, detéctanse tamén outros elementos paratextuais coma a tipografía, o fondo, a combinación de cores ou a estruturación espacial, que axudan a crear unha sensación de orde e claridade á hora de navegar polo blog, ademais de outorgarlle un carácter de unidade.

Tal navegación, sinxela e intuitiva, está baseada no hipervínculo como eixo coherente e eficaz para a organización e interrelación dos contidos. Con tal finalidade, dispuxéronse dous arquivos de entradas pasadas, un por datas e outro por temáticas. Para este derradeiro, dotouse a cada entrada de varias palabras clave, sempre intelixíbeis, significativas e que se relaciona co seu contido de xeito evidente.

Grazas a este sistema, calquera visitante ten acceso a aqueles contidos do blog que lle interesan optimizando o seu tempo de busca e coa garantía que non deixa ningunha información valiosa no tinteiro por non ser quen de dar con ela.

Asemade, hai un número abundante de enlaces relevantes e fiábeis na parte inferior dereita da páxina, que constitúen unha importante fonte de recursos educativos.

No que respecta á propiedade intelectual, esta é respectada en termos xerais, xa que se soen citar as fontes e os autores, tanto dos textos redactados en colaboración (comunidade Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas), como das imaxes alleas e os vídeos inseridos ou vinculados.

En teoría, os lectores do presente blog deberían verse atraídos por el grazas á iniciativa en si sobre a que se sustenta, e que eu, como tal, expresei xa no primeiro parágrafo do presente comentario. Non obstante, e aínda que non se coñece a cantidade de persoas que o visitan, o que si está claro é que o apartado dos comentarios é un dos seus aspectos menos logrados. De feito, dos dez e oito artigos que contén en total, só dous deles foron comentados: un que contén os proxectos desenvolvidos pola biblioteca en anos académicos anteriores e outro no que se anuncia a visita do ilustrador Anxo Fariña. No primeiro caso, rexistráronse cinco comentarios de usuarios presumibelmente pertencentes á comunidade Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas. No segundo, só respondeu á entrada o propio autor. Ademais, ditos comentarios non foron contestados, polo que a sensación de comunidade virtual acadada é practicamente nula.

Para rematar, cómpre realizar unha valoración xenérica do blog a raíz da análise aquí exposta.

Así, en termos xerais, pode considerarse como un blog sólido e interesante, do que se prevé e se desexa que teña permanencia continuada no tempo, xa que iso implica necesariamente que se faga eco de novas e frutíferas iniciativas de fomento da lectura entre o alumando e de dinamización da biblioteca escolar do centro, en consonancia cos seus obxectivos.

Non obstante, tamén se detecta que, para seguir mellorando o seu funcionamento, debería traballar máis o aspecto dos comentarios, tratando de configurar un pequeno grupo de visitantes habituais cos que se compartan intereses, aos que tamén se fagan visitas e en cuxos blogs se realicen igualmente contribucións. É dicir, que se debería tratar de dar un paso máis aló e crear unha comunidade de aprendizaxe virtual en cuxo seo construír un coñecemento compartido sobre a temática que aquí nos incumbe.

No hay comentarios: